100 familias de Mos recibiron hoxe axuda alimentaria a través do programa Mos Axuda

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

AFAMSA, El Mar, Noribérica, Rodicut, Club de Leones e Montiño-Dicarvi foron os doantes que fixeron posible esta 3ª entrega da crise do COVID-19

 

Tras os repartos de alimentos a familias usuarias dos servizos sociais municipais a raíz desta crise do COVID-19 dos pasados días 3 e 8 de abril, hoxe realizouse a terceira entrega de comestibles a familias mosenses no que vai de estado de alarma pola crise sanitaria do COVID-19.

O reparto realizado hoxe fíxose entre 100 familias beneficiarias grazas ás doazóns a Mos Axuda de AFAMSA que doou 1.000 euros en leite, El Mar 500 Kg de conxelados, Noribérica 500 Kg de peixe conxelado, Rodicut 3 caixas de alimentos doados polos seus propios traballadores/as, Montiño-Dicarvi 500 Kg de lacón e pavo e o Club de Leones 1.000 euros en tarxetas para compra en Eroski e Gadis. Co transporte dos alimentos colaborou tamén o hosteleiro Santiago Puertas.

Ademais dos habituais voluntarios/as cos que conta Mos Axuda, participaron no reparto de hoxe como voluntarios/as outros/as cidadáns e traballadores/as municipais; xunto con membros dos Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos e a alcaldesa e concelleiros mosenses.

Nidia Arévalo, rexedora local mosense, destacou que “todo este gran número de persoas que está ao pé do cañón, tanto voluntarios como traballadores municipais, non dubidaron en arrimar o ombreiro nestes momentos difíciles e lles agradecemos enormemente a entrega total e absoluta a todos e cada un dos integrantes de toda esta cadea humana sen a cal isto non sería posible”.

Tanto voluntarios como empresas doantes fan posible altruísta e desinteresadamente que as familias mosenses máis necesitadas e con situacións máis sensibles e delicadas teñan cubertas as súas necesidades básicas durante esta pandemia.