12 desempregados mosenses sen prestación serán contratados no marco do Plan de Emprego da Deputación

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello de Mos aprobou hoxe en Xunta Local de Goberno a aceptación da subvención por unha cantidade superior a 55.000 euros

O Concello de Mos recibirá da Deputación de Pontevedra unha aportación total de 55.179,36 euros, que lle permitirá dar emprego a 12 persoas, no marco do Plan de Emprego 2013 que pon en marcha a institución provincial.

O perfil dos traballadores contratados obedecerá ás necesidades que ten a administración local nestes momentos. Mos disporá deste xeito dun total de 12 traballadores, que desenvolverán o seu traballo a tempo parcial cun contrato de 25 horas semanais e durante un período de 6 meses.

O propio Concello responsabilizarase da selección de personal, que se realizará entre desempregados do municipio que, preferentemente, non perciban ningún tipo de prestación económica, de entre os que figuren no listado proporcionado polo Servizo Público de Emprego.

A Deputación financiará o 100% dos custes salariais dos 12 traballadores, o que permitirá cubrir dúas necesidades prioritarias na actualidade: por un lado, que o Concello poida atender servizos e obras que lle resultan prioritarios e que sen esta aportación lle resultaría prácticamente imposible desenrolar e, por outro, facilita o acceso a un emprego a 12 veciños e veciñas de Mos que nestes intres atópanse nunha situación extrema ó carecer, preferentemente, de prestación económica algunha.

Sobre estas contratacións a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Formación e Emprego, Óscar Soto, declararon que “con elas preténdese favorecer a formación e a experiencia práctica profesionais de veciños e veciñas mosenses en situación de desemprego que favorezan e faciliten a súa inserción laboral futura”. Deste xeito, e a través da Área de Emprego do Concello, as 12 persoas contratadas incorporaránse a un plan de emprego específico que lles titorizará, durante o período do seu contrato e posteriormente ó mesmo, a súa busca de emprego e mellora da súa empregabilidade, co obxectivo final da súa inserción laboral ó finalizar este contrato de seis meses de duración. O Concello establecerá así para cada un destes traballadores itinerarios de acompañamento na busca de emprego e inserción laboral tanto na empresa pública coma na privada.