130 alumnos do Colexio de Sanguiñeda recibiron a visita do porteiro do Celta, Rubén Blanco

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

50 nenos foron premiados con entradas dobles para o partido do domingo, doadas pola empresa Vodafone ó Concello de Mos

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, Isidoro Táboas, a edil de Educación, Kely Monzón, e o porteiro do Real Club Celta natural de Mos, Rubén Blanco, repartiron 100 entradas entre un total de 50 alumnos e alumnas do CEIP Mestre Valverde Maio, de Sanguiñeda, que poderán acudir ó partido Celta-Levante que se disputará en Balaídos ás 19.00 horas o vindeiro domingo, día 2 de novembro, xunto cun acompañante cada un.

 

Ademais do futbolista mosense Rubén Blanco e dos representantes municipais, tamén acudiron ó acto de entrega celebrado esta mañá, dous representantes da empresa Vodafone, como colaboradora mediante a doación das 100 entradas repartidas. Foron Ramón Soage e Carmen Caínzos, responsable de marketing para empresas da zona noroeste. Asimesmo tamén se sumou a este evento matinal o director comercial do Celta, Camilo Lobato.

 

Estas 100 entradas lle foron doadas ó Concello de Mos pola empresa Vodafone para que a administración local as entregase a 50 alumnos dun centro educativo do municipio. Nesta ocasión o agraciado foi o Colexio de Sanguiñeda, pero dende a concellería de Deportes informouse de que esta será tan só a primeira das iniciativas emprendidas a partir de agora para tratar de achegar os estudiantes de tódolos centros educativos mosenses ós xogadores do club celeste, levándoos a ver adestramentos, repartindo novamente entradas gratuítas para asistir a partidos en Balaídos, entre outras iniciativas que se están a barallar e a tratar co equipo. Os 50 nenos e nenas que obtiveron esta mañá entradas para o encontro do domingo estiveron acompañados por todos os seus compañeiros de clase, que aproveitaron para pedirlle autógrafos e sacarse fotos con Rubén Blanco. En total congregáronse no acto, celebrado no pavillón cuberto do colexio, 130 cativos de idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos.

 

 Pola súa banda Táboas explicou que para facer o reparto das 100 entradas entre os 50 alumnos agasallados, primouse a todos aqueles que actualmente xogan nalgún dos equipos de fútbol do Concello de Mos, como son a Unión Deportiva Mos, o Club Louro Tameiga, e o Club Alerta de Sanguiñeda.

 

Ademais, de entre estes 100 agasallados cun par de entradas para cada un, a directiva e profesorado do colexio sortearon quen serán os cinco afortunados que antes do inicio do encontro do domingo poderán facerse a foto oficial no centro do campo cos once xogadores titulares do Celta ese día.