14 de abril, DÍA DAS AMÉRICAS

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Hoxe 14 de abril, celébrase o DÍA DAS AMÉRICAS, símbolo da paz e da unión continental.
O Día das Américas é unha celebración anual que ten lugar en todas as repúblicas americanas, como símbolo da súa soberanía e da súa unión voluntaria nunha comunidade continental.
Cada ano, son un total de 21 países do continente americano (ARXENTINA, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, República Dominicana, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Haití, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Paraguai, Perú, Estados Unidos, Uruguai e Venezuela) os que celebran o Día e a Semana das Américas.
Desde Mos, municipio enormemente vencellado ao continente americano polo fenómeno migratorio vivido ao longo do século pasado, queremos sumarnos hoxe á conmemoración desta data tan significativa. Sobre todo motivada pola nosa unión co país arxentino e coa súa capital, a cidade de Bos Aires, na que se asenta a undécima parroquia mosense: a ASOCIACIÓN DE RESIDENTES DE MOS EN BOS AIRES.
Undécima parroquia á que os mosenses nos sentimos íntima e estreitamente ligados, en alma, corazón, sentimentos e cultura; a pesar dos 12.000 quilómetros de distancia e o Océano Atlántico que nos separan. Unión que nunca cesará porque a historia nos fixo irmáns de sangue e cultura. A historia da emigración galega á Arxentina durante o século XX uniunos cun lazo invisible e irrompible. A nosa irmandade nunca se diluirá.
Undécima parroquia con máis de 100 anos de historia, 102 para ser exactos. Xa que en 2018 a Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires celebrou o seu centenario.
Un século cheo de traballo, 102 anos de esforzo, ledicia, emoción e cultura. Unha traxectoria que transcorreu ao outro lado do mundo pero sen a que o Concello de Mos non tería podido ser o que hoxe é. Debémosvos moito, Mos débevos moito.
Aínda que emigrastes a Arxentina seguides a ser, e o seredes sempre, os nosos veciños. Uns veciños que co seu incansable labor por manter as súas raíces lograron, a través desta Asociación, manter intactos e perfectamente conservados os costumes culturais mosenses, as tradicións dos seus ancestros.
Mediante os vosos grupos de baile, gaitas e canto tradicional galego trasladades de xeración en xeración o saber e a cultura mosenses; resultando emocionante e fascinante ver como os fillos e netos, incluso bisnetos, dos emigrantes mosenses en Arxentina dominan o baile rexional, tocan a gaita ás mil marabillas…
A emigración marcou ó noso Concello e temos moito que agradecerlle a aqueles emigrantes mosenses que tiveron que abandoar as súas casas, ós seus fillos, ás súas familias… para loitar desde fóra para erradicar a fame e o analfabetismo en Mos.
Centos de persoas deste Concello deixaron a súa terra nai na procura dun futuro máis próspero para eles mesmos, pero tamén para os seus descendentes e familiares que quedaron en Mos.
A emigración mosense en Arxentina está sempre moi presente para o Concello de Mos, para os seus dirixentes e para as súas xentes, por iso esta Asociación recibiu no ano 2010 o máximo galardón municipal, a Medalla ao Mérito. Con esta discinción, desde a administración local quixemos premiar o voso gran labor na emigración e o apoio a tantos emigrantes que chegaron a un país descoñecido e moitas veces adverso.
Por iso HOXE, 14 de abril, Día das Américas, unha vez máis o Concello de Mos quere darvos as GRAZAS: Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires.
HOXE MÁIS QUE NUNCA, nunha actualidade de tempos adversos, de días duros e complicados pola crise do COVID-19, intres nos que nos lembramos especialmente dos seres queridos e, entre eles, como non, dos mosenses en Bos Aires: GRAZAS.
HOXE MÁIS QUE NUNCA debemos manternos unidos, afianzar e reforzar eses lazos familiares, sentimentais e culturais que nos unen.
HOXE MÁIS QUE NUNCA, lembrarvos que vos apreciamos enormemente e que vos levamos no corazón.
Recibide unha enorme aperta. NESTES MOMENTOS, MÁIS QUE NUNCA, LEVÁMOSVOS NO CORAZÓN.