15 DE MAIO, DÍA INTERNACIONAL DAS FAMILIAS

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Día Internacional das Familias celébrase o 15 de maio de cada ano co fin de concienciar á poboación sobre o papel que ten a familia na educación e a formación dos fillos desde a primeira infancia, así como tamén de aproveitar as oportunidades de aprendizaxe para as distintas etapas das súas vidas.

A familia é o núcleo central de calquera sociedade e coa crise sanitaria mundial que estamos a vivir a súa importancia acentuouse máis se cabe, e todos e todas tomamos maior conciencia do piar fundamental que a familia supón para todo individuo na súa vida. Por iso desde o Concello de Mos non quixemos deixar pasar a oportunidade de conmemorar este fermoso Día destacando que SOMOSMOS e SOMOS FAMILIA!

Tamén queremos hoxe acompañar no sentimento a todas aquelas familias que perderon a algún dos seus membros nesta pandemia do COVID-19. Todo o noso cariño e afecto desde o Concello de Mos vaia hoxe para elas.

A orixe desta importante data establécese a partir dos anos oitenta, con todo, é no ano 1994 cando é proclamada como oficial grazas á Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

Desde entón, o Día Internacional das Familias vén representar unha data emblemática para resaltar o valor da familia a nivel mundial. Dela depende que os seres humanos logren integrarse de maneira sá e completa na súa contorna e desta maneira alcanzar niveis de convivencia onde se respecten as regras e normas que rexen calquera sociedade.