15 mosenses usuarios dos servizos sociais municipais fórmanse en xestión doméstica gracias a un curso da Deputación de Pontevedra

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os alumnos aprenden como xestionar o tempo e o diñeiro dunha forma eficaz e eficiente

 

O CDL acolle un curso do departamento municipal de Benestar Social de xestión doméstica básica dirixido a usuarios e usuarias de dito departamento que está íntegramente financiado pola Deputación de Pontevedra.

 

Os alumnos desta acción formativa son un total de 15 que foron visitados esta mañá pola edil mosense de Benestar Social, Sara Cebreiro. O tema abordado hoxe neste obradoiro foi un módulo específico sobre igualdade entre homes e mulleres con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero que se celebrou onte.

 

O curso ten como obxectivos xerais, segundo explicou Cebreiro, a integración, a prevención de factores de risco e a incorporación social e laboral das familias usuarias dos servizos sociais do Concello. Trátase dun proxecto de intervención de grupo mediante o que se pretende valorar e dar resposta ós e ás mosenses en situación ou risco de exclusión social.

 

A concelleira Sara Cebreiro explicou a este respecto que “tendo en conta a diagnose social de numerosos casos nos que se está a intervir, dende o departamento de Benestar Social consideramos como recurso axeitado a adquisición de habilidades na xestión doméstica, tanto nos ámbitos que se refiren á optimización dos recursos económicos como ás habilidades de coidados, co fin de mellorar a súa autonomía, integración e promoción social, así como a importancia que teñen no establecemento de patróns de comportamento”.

 

Aprender e/ou mellorar as habilidades para xestionar dun modo máis efectivo e eficiente as tarefas, economía e responsabilidades domésticas e de coidado é unha acción coa que se vai a ver favorecido todo o núcleo familiar de cada un dos 15 participantes na mesma, polo que os beneficiarios do curso non son só os alumnos senón un número maior de persoas.

 

A acción formativa desenvolverase nun total de 32 sesións que suman 64 horas de duración, distribuídas en dúas clases por semana ó longo de catro meses. O orzamento que inviste a Deputación Provincial neste obradoiro no Concello de Mos ascende a preto de 3.000 euros.

 

Os contidos a abordar durante o curso son a organización doméstica e a administración do fogar en canto a formas e métodos útiles para unha boa organización das tarefas e responsabilidades, a xestión económica, tipos de gastos, técnicas de aforro, consumo responsable e planificación monetaria; e a xestión do tempo establecendo prioridades e rutinas para mellorar o rendemento e a eficacia persoal, así coma as corresponsabilidades domésticas. Todo elo orientado a que os participantes poidan reflectir as aprendizaxes na súa vida cotiá.