18 traballadores velan pola seguridade forestal de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Comezaron o seu labor a principios deste mes e adícanse á prevención de incendios

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, deulle hoxe a benvida no edificio do Servizo Municipal de Emerxencias, sito na Veigadaña, e en compaña do coordinador do devandito servizo, Rodrigo Iglesias, aos membros das brigadas forestais contra incendios que comezaron a traballar no Concello entre os pasados días 1 e 5 do presente mes de xullo.
Deles 4 son peóns forestais que se contrataron durante 9 meses grazas á subvención de 45.000 euros do programa Aprol Rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria. E por outra banda está a subvención anual da que goza dende 2016 o Concello de Mos para a prevención de incendios forestais, grazas a un convenio de colaboración asinado coa consellería do Medio Rural. Grazas a esta axuda a administración local mosense contratou a unha brigada contra incendios formada por 14 persoas: 9 condutores motobomba, 4 operarios peóns e 1 xefe de brigada. O importe total da axuda concedida por Medio Rural ascende a 60.679,62 euros.
Deste xeito, en total traballarán na prevención de incendios durante este verán no Concello de Mos un total de 18 brigadistas nos que se realiza unha inversión de 105.679,62 euros.
O Concello de Mos inicia así a súa campaña municipal contra incendios deste verán. Os representantes municipais, a rexedora local, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente, Cándido Pérez, declaron a este respecto que “a importancia deste dispositivo de loita contra incendios é vital”, pero incidiron en que “é preciso concienciar á cidadanía para intentar diminuír desde o primeiro momento o risco dun lume, xa que o monte é patrimonio de todos. Por iso insistimos en potenciar a prevención, a vixilancia e disuasión para que os montes mosenses non volvan ser vítimas de lumes coma os que tivemos que lamentar o pasado ano”.