21 cativos participaron no obradoiro de cociña do Colexio de Atín

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O alumnado de 5º de Primaria impartiu esta mañá na Ludoteca de San Rafael un taller de repostería promovido pola concellería de Participación Cidadá

O alumnado de 5º de Primaria do CEIP Atín-Cela impartiu esta mañá na Ludoteca de San Rafael un taller de repostería promovido pola concellería de Participación Cidadá, no que participaron un total de 21 nenos e nenas mosenses. Os escolares do Colexio de Atín están a demostrar que, ademais de pequenos grandes xornalistas, son uns magníficos cociñeiros.
Recentemente fíxose público que os cativos do CEIP Atín-Cela gañaron dous segundos premios no concurso de Faro da Escola: Mellor Xestión de Negocio e Mellor Uso Audiovisual e de Novas Tecnoloxías, polo traballo realizado de confección dun xornal no que incluíron unha entrevista á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, redactada polos alumnos/as de 5º curso. O proxecto do xornal foi levado a cabo conxuntamente entre os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria e nel participou todo o alumnado do colexio.
Pois ben, agora estes rapaces e rapazas do CEIP Atín-Cela continúan a despuntar organizando conxuntamente coa concellería de Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Julia Loureiro, un obradoiro de cociña no que hoxe prepararon receitas incluídas nun libro escrito por eles mesmos, que leva por título “Recetas para caerse muert@” e que está inspirado na obra de Ledicia Costas, “Escarlatina a cociñeira defunta”.
O obradoiro foi impartido polos propios rapaces e rapazas autores/as do libro de cociña e polo seu mestre, Óscar Rodríguez Rojo, co apoio e colaboración dos/as monitores/as da Ludoteca Municipal de San Rafael (Pereiras), que foi o lugar onde se impartiu este taller esta mesma mañá, en horario de 11.00 horas a 13.00 horas.
Esta actividade ía dirixida aos nenos e nenas de 9 a 12 anos de idade que quixeran gozar dunha divertida mañá coas mans na masa. O prato estrela que prepararon, titorizados polos pequenos grandes chefs do Colexio de Atín, foron as riquísimas ‘Chocolletas’, entre outras delicias culinarias.