Mos aproba novamente o orzamento do vindeiro exercicio antes de que remate o ano

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Trátase dun presuposto responsable, tal e como o define a alcaldesa, por ser o máis realista dos últimos anos
 
O Pleno da Corporación Municipal mosense que se reuniu onte pola tarde en sesión ordinaria, aprobou definitivamente o orzamento para o ano 2013, que ascende a pouco máis de 8 millóns de euros. Tras a aprobación dos presupostos a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, definiunos coma “un orzamento responsable por moitos motivos: por ser aprobado unha vez máis en tempo e forma, por asumir facer fronte nel ó Plan de Pago a Proveedores, por ser un dos máis realistas dos últimos anos no que se presupostan uns ingresos reais e non inflados, proba delo é que os ingresos vense rebaixados respecto do orzamento do 2012, a pesar de ter incrementado ás taxas; e por saber priorizar”.
 
Precisamente en cuestión de prioridades, Arévalo declarou sentirse “satisfeita e orgullosa polo reparto de partidas realizado no orzamento para 2013”. A rexedora local asegurou que todos os integrantes do equipo de goberno coincidiron no reparto decidindo priorizar en materia de Saneamento e Abastecemento, a cuia partida se destinaron un total de 300.000 euros, e tamén manter o gasto en Cultura e Educación, “aínda que nos encantaría poder adicar máis orzamento a ambas partidas”, dixo.
 
Nidia Arévalo asegura que o orzamento de 2013 é “un exercicio de responsabilidade e contención do gasto en aras de poñer canto antes as contas municipais ó día”. A pesar de todo as partidas orzamentarias non sufriron apenas recorte, pero dende o equipo de goberno sí se primou non inflar o capítulo de ingresos, o que daría como resultado un presuposto máis elevado pero moito menos realista e responsable.
 
Orzamento en tempo e forma
 
 Un ano máis dende que Nidia Arévalo preside a Corporación Municipal mosense, o Concello xa ten aprobado o orzamento para o vindeiro ano 2013, antes de que remate o presente exercicio.
 
Arévalo declarou neste sentido que “de novo dende o equipo de goberno local demostramos que seguimos a manter o compromiso de responsabilidade económico-finacieira respecto do presuposto anual que vimos proclamando xa dende o 2009, coa aprobación do novo orzamento municipal para 2013 no mes de novembro de 2012”.
 
A cifra concreta á que ascende o orzamento municipal mosense para o ano 2013 é de 8.048.034,33 euros. Este presuposto vai a estar condicionado polo Plan de Axuste derivado do Real Decreto para pago a proveedores. Os dous criterios fundamentais seguidos para a elaboración deste orzamento foron a austeridade no gasto público e a eliminación dos gastos innecesarios.
 
Sen embargo Arévalo aclarou que esta contención do gasto en  ningún caso afectará ó gasto social, nin ós servizos públicos municipais prestados polo Concello, senón que os recursos, en función das prioridades de gasto establecidas asignaranse, en primeiro lugar ó apoio das familias, xóvenes e maiores mediante políticas de benestar e igualdade; en segundo lugar a garantir os servizos sociais, en terceiro lugar a mellorar a eficacia pública a través da racionalización do gasto, en cuarto lugar a garantir, ampliar e optimizar os servizos públicos, en especial os de abastecemento e saneamento de auga; e en quinto lugar, a garantir as achegas dos convenios plurianuais subscritos polo Concello.
 
A contención do gasto materialízase no orzamento municipal para 2013 en que non se incrementa o gasto no capítulo de Persoal, ou en que se manteñen e non aumentan as axudas en materia de Cultura e Deportes; entre outros aspectos. No caso destas últimas, o Concello fai o esforzo de mantelas para continuar a demostrar o seu apoio ó fomento da cultura, do deporte e das Escolas Deportivas existentes na localidade mosense.  
 
En canto o gasto en Benestar Social, este reflicte, co incremento da partida para Axuda no Fogar, o compromiso do goberno para facer realidade o apoio ás familias, xóvenes e maiores mediante políticas de benestar e igualdade.
 
En materia de ingresos, no orzamento municipal para o ano 2013 adaptáronse as previsións ós datos reais da liquidación de anos anteriores e se tivo en conta o incremento derivado da modificación dos tipos impositivos dos impostos e das tarifas das taxas, derivada do Plan de Axuste.
 
Para concluir as súas declaracións sobre o presuposto de 2013, a rexedora local engadiu que “a vontade deste goberno, como non pode ser doutra maneira, segue a ser solventar o máis pronto posible a situación económica e, por suposto, liquidar os orzamentos con Remanentes positivos de Tesourería e, nesta liña, estamos a traballar para tratar de acadar unha cifra positiva na liquidación do presente ano 2012; por todo o cal, vinculamos o orzamento do ano 2013 ó Plan de Axuste para que nos permita recuperar a situación de equilibrio orzamentario e un Remanente de Tesourería positivo”, dixo Arévalo, quen tamén insistiu en que, “como ben sendo habitual nos exercicios anteriores e dende que son alcaldesa de Mos, reitero o meu compromiso de manter e incluso incrementar os esforzos realizados dende a Alcaldía mosense por acadar axudas económicas doutras administracións, que lle permitan a este Concello completar a realización das inversións necesarias durante o vindeiro ano”.