300 persoas pasaron polo Pazo de Mos o pasado domingo, xornada da Gran Degustación Micolóxica

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os pratos preparados polos 5 restaurantes mosenses participantes nas Xornadas Micolóxicas puideron degustarse ao módico prezo de 3,5 euros

Sobre 300 persoas entre veciñanza mosense e de localidades da contorna participaron ao longo da xornada da Gran Degustación que se celebrou o pasado domingo, 17 de novembro, nos exteriores do Pazo de Mos.

Os cinco restaurantes mosenses participantes nesta Gran Degustación das Xornadas Micolóxicas 2019 ofreceron diversos pratos consistentes en: por parte de Adega da Tía Carmen croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas, por parte do anfitrión, O Cruceiro, setas salteadas con coello e fabas, tarta de queixo con sirope de setas e pudin de setas con froitas do bosque, por parte do Bar Restaurante Curuxeira fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas, por parte da Casiña da Tía Albina, filloas de champiñóns con gambas; e por parte da Tapería A Cova da Santa, pizza mar e monte: salmón afumado con variado de setas.

O prezo de cada tapa foi de 3,50 euros e a bebida (auga ou viño) custou 1,50 euros. O pack de tapa máis bebida pagouse a 5 euros, un prezo popular para que calquera persoa puidera degustar a variedade de pratos deseñados este ano para celebrar a XVI Edición das Xornadas Micolóxicas de Mos.

Durante o que queda do mes de novembro, nos propios restaurantes, poderanse degustar tamén estes mesmos pratos.

A Gran Degustación do domingo 17 de novembro no contorno do Pazo de Mos estivo complementada, ao longo de toda a xornada, co IV micomercado (mercado micolóxico). A degustación gastronómica prolongouse dende as 12.00 horas ata as 15.00 horas. De 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas estivo aberta ao público no Pazo de Mos unha exposición e consulta sobre cogomelos. E ás 12.30 horas houbo unha actuación do Grupo de Baile e Gaitas Ruada de Torroso. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, actuou o grupo Animar-T Animación que realizou o espectáculo de contacontos, A Casiña de Cartón.