310 judokas competirán este sábado en Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Pavillón Óscar Pereiro acolle a Fase Zonal do Campionato de Judo Escolar organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte, o Concello de Mos e a Federación Galega de Judo

 

Esta mañá tivo lugar o acto de presentación da Fase Zonal do Campionato de Judo Escolar, organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte, o Concello de Mos e a Federación Galega de Judo. A presentación realizouse no salón de sesións da Casa do Concello de Mos coa presencia de Daniel Benavides, delegado provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Isidoro Táboas, concelleiro de Deportes mosense e Mario Muzas, presidente da Federación Galega de Judo.

 

A Fase Zonal do Campionato Escolar celebrarase no Pavillón Óscar Pereiro o vindeiro sábado, día 2 de marzo, e o domingo 17 de marzo, ambas xornadas en horario de mañá a partir das 11.00 horas. A Fase Zonal que acollerá o pavillón mosense é a da Zona Sur que abarca as provincias de Pontevedra e Ourense, cos seus correspondentes clubes, e os clubes de judo da área de Santiago. A iniciativa forma parte do programa Xogajudo 2013 que, á súa vez, está incluído no Plan Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar).

 

As categorías que competirán en Mos os vindeiros 2 e 17 de marzo serán Infantil e Alevín que aglutinarán a un total de 310 judokas, 84 na sección feminina e 227 na masculina.

 

Na presentación desta mañá no Concello o delegado provincial declarou que “ante todo este evento deportivo representa un acto lúdico e festivo que ven dando continuidade ós xa varios anos de vida dos Xogos Galegos Deportivos, Xogade”.

 

Pola súa banda a rexedora local mosense non quixo deixar pasar a oportunidade de “agradecerlles tanto á Secretaría Xeral para o Deporte coma á Federación Galega de Judo o feito de contar co Concello de Mos para tan importante acontecemento deportivo e sobre todo por pensar en Mos como esceario de eventos deportivos nestes momentos de crise económica nos que dende a administración local non se pode asumir o custe de actos desta envergadura”, explicou Arévalo, quen tamén aproveitou para declarar que “ogallá esta sexa a primeira de moitas das Fases Zonais de Judo que se celebren en Mos”.

 

Na súa intervención o presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, falou dos obxectivos desta iniciativa que pretende iniciar ós nenos e nenas galegos máis novos na competición e o deporte estimulando o seu esforzo deportivo e inculcándolles valores de respecto para cos seus compañeiros, adestradores e profesores. Muzas insistiu en que “esta é unha actividade segura, fácil e sobre todo divertida para os cativos participantes”, e afirmou tamén que dende a Federación esperan poder repetir esta actividade no Pavillón Óscar Pereiro.

 

Este campionato consiste nunha competición adaptada ós rapaces máis novos e baseada en estimular e recoñecer o esforzo dos practicantes na procura dun mellor desenrolo persoal e deportivo, promver os valores do espírito deportivo respectando ós profesores e compañeiros, procurar que os nenos e nenas practiquen deporte dunha maneira agradable e melloren físicamente aprendendo Judo, e intentar garantir a seguridade desta práctica deportiva. Con elo búscase educar por medio dun regulamento que dea prioridade ós valores do compañeirismo e a deportividade por riba do resultado deportivo.