34 participantes no curso sobre o mercado laboral en Alemaña

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Celebrouse no CDL de Mos os pasados días 8 e 9 de febreiro

 

O Concello de Mos, en cooperación coa UNED e Aemos (Asociación Empresarios de Mos), organizou os días 8 e 9 de febreiro, os pasados venres e sábado, un curso sobre o mercado laboral en Alemaña, destinado a aquelas persoas interesadas en ir a traballar ese país; e no que participaron un total de 34 alumnos e alumnas. A actividade formativa desenvolveuse no Centro Desenvolvemento Local de Mos.

 

Durante as 10 horas de duración que se prolongou este seminario, os participantes recibiron información sociolaboral sobre o país (contratos de traballo, seguridade social, sanidade, impostos, aloxamento, recoñecemento de estudos, etc.) e dous talleres en lingua alemá sobre a elaboración dun currículo e como enfrontarse a unha entrevista de traballo. Para estes talleres era necesario ter uns coñecementos de alemán similares aos do curso A2 da Escola Oficial de Idiomas.

Na actualidade, segundo a Axencia Federal Alemá para o Traballo, o país xermano conta cunha importante demanda laboral nas seguintes profesións: condutor de autobuses, maquinistas de tren, persoal de servizo para AVE e Intercity, médicos e odontólogos (sobre todo para o medio rural), matronas, auxiliares en xeriatría, enfermeiras e servizos de emerxencias, técnicos en gardarías infantís (en especial homes), técnicos en enerxías renovables, desenvolvemento de software e aplicacións informáticas, transformación do metal, novas tecnoloxías e supervisión e control destas, reciclaxe e mantemento de puntos limpos, especialistas en naval, ferroviario e automoción.