400 palilleiros e palilleiras congregaranse o sábado en Costoias na tradicional xuntanza con motivo das Festas da Rosa
O programa de actividades para ese día comezará ás 11 da mañá e prolongarase durante toda a xornada
Aproxímase a celebración dun dos eventos culturais máis tradicionais e emblemáticos das Festas da Rosa, a Xuntanza de Palilleiras, que se celebrará o vindeiro sábado, día 21 de xuño, en Costoias parroquia de Tameiga; e que este ano cumple a súa séptima edición. Este acto organízase conxuntamente entre a concellería de Cultura do Concello de Mos e as Palilleiras de Mos.
Nesta xuntanza que, por 7º ano consecutivo e con motivo das Festas da Rosa 2014, terá lugar o sábado a partir das 11.00 horas en Costoias, os palilleiros e palilleiras presentes poderán intercambiar ideas desta tradición en Galicia que é o encaixe de bolillos.
Os participantes nesta VII Xuntanza de Palilleiras de Mos serán todos agasallados individualmente cun detalle.
O programa de actos da xornada será o seguinte:
11.00 horas: Palillada (realizarase un obradoiro de horquilla e calceta para os asistentes).
14.00 horas: Xantar.
17.00 horas: Palillada.
19.00 horas: Fin de palillada amenizado musicalmente por un grupo folk.
Á presente edición estímase que asistirán, como ven sendo habitual en anteriores xuntanzas, ó redor de 400 palilleiros e palilleiras procedentes de Galicia e de tódalas idades. Máis de 50 das 400 palilleiras coas que contará a xuntanza de Costoias son naturais de Mos.
Exposición
Como non podía ser doutro xeito, e como se ven facendo ano tras ano dende o seu inicio, a Xuntanza de Palilleiras contará coa instalación dunha exposición que os espectadores poidan contemplar, ademais de poder ver ós preto de medio milleiro de palilleiros e palilleiras palillando en directo. Na mostra exporanse os traballos realizados polos alumnos e alumnas dos cursos de encaixe de bolillos impartidos nas asociacións mosenses a través do programa Tempo de Lecer da concellería de Participación Cidadá.
A concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, animou hoxe a todos os e as mosenses a que se acheguen o sábado pola tarde ata Costoias para poder contemplar o bo facer de tódolos artesáns do encaixe de bolillos que estarán presentes. Asegura a edil que pagará a pena asistir a contemplar o labor destes artesáns que co seu traballo manteñen viva unha das tradicións galegas de maior beleza.