400 veciños e máis de 150 casas de Louredo engánchanse ó saneamento gracias a unha obra municipal

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello de Mos investiu preto de 80.000 euros en traballos de instalación de acometidas domiciliarias á rede de alcantarillado na zona de Inxertado

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Saneamento e Abastecemento, Camilo Augusto, visitaron esta mañá a zona de Inxertado, na parroquia de Louredo, onde o Concello realizou unha obra de instalación de 153 acometidas domiciliarias á rede de alcantarillado, dando servizo de saneamento a uns 400 veciños e veciñas da mencionada zona.

 

As obras, consistentes, segundo explicou Augusto, ademais de en acometidas domiciliarias en prolongación dos tramos de rede de saneamentos xa preexistentes, contou cun orzamento que ronda os 80.000 euros de fondos propios municipais.

 

Tal e como sinalou o edil, “nesta zona xa sólo quedan pendentes da instalación da acometida domiciliaria algunhas vivendas que por problemas de ubicación –como que se atopan máis baixas que a instalación da rede xeral, etc.- non se puideron enganchar, pero ás que se lles está a buscar unha solución para poderlles dar servizo de saneamento”, dicía Camilo Augusto.

 

Saneamento integral

 

E é que a pesar dos difíciles tempos de crise económica que corren, e que afectan especialmente ás administracións locais, dende o Concello de Mos estase tratando de priorizar a ampliación do servizo de saneamento destinando os máximos fondos posibles para que o maior número posible de veciños poida engancharse á rede de alcantarillado. A que fora unha promesa do equipo de goberno local e que se converteu na súa principal aposta durante os últimos anos, atópase agora xa moi preto de acadar o 100% do ansiado saneamento integral para Mos.

 

No caso da parroquia de Louredo, xa só queda pendente o barrio de Pombal que comezará a executarse en breve gracias a unha subvención de Augas de Galicia, segundo informou o propio concelleiro mosense de Saneamento esta mesma mañá. O resto da parroquia, agás casos puntuais concretos, atópase ó 90% da rede de saneamento acometida.

 

Analizando a situación do alcantarillado por parroquias, Dornelas supera o 90% da rede de saneamento acometida, Torroso e Sanguiñeda atópanse ó redor do 90% e no resto das 6 parroquias mosenses o saneamento acometido ronda o 80%.