60 asistentes na primeira charla informativa do plan municipal contra a Vespa Velutina

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade


– Celebrouse onte ás 20.30 horas no Pazo de Mos
– Esta tarde á mesma hora en Nosa Terra de Pereiras terá lugar a segunda coa participación da veterinaria Esther Ordóñez

A primeira charla informativa do plan municipal contra a Vespa Velutina congregou onte no Pazo de Mos a 60 persoas que puideron escoitar as intervencións do presidente da Asociación Galega de Apicultura, José María Seijo, o responsable do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos, Rodrigo Iglesias, e a Celeste, unha apicultora que realizou un caso práctico de como confeccionar unha trampa caseira para as velutinas.
Hoxe terá lugar a segunda charla á mesma hora, 20.30 horas, no Centro Cultural Nosa Terra de Pereiras, que contará coa presenza e intervención da veterinaria do Plan Apícola, Esther Ordóñez.
A semana que ven continuarán estas reunións, sempre ás 20.30 horas, na Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña o día 12 de marzo, no Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso o día 13 de marzo e na Axencia de Colocación de Mos o día 14 de marzo.
O Concello de Mos organiza en colaboración con apicultores de Mos, dentro do seu plan anual contra a Vespa Velutina, charlas nas distintas parroquias do municipio para repartir trampas e os líquidos que deben conter as mesmas, así como para explicar paso a paso a fabricación de trampas caseiras.
As trampas están destinadas á regularización e captura de raíñas fundadoras deste insecto. Desta maneira trátase de reducir a poboación do mesmo menguando así o número de niños de Vespa Velutina para tranquilidade da poboación, e para evitar os custes que supón a desactivación dos devanditos niños unha vez formados, reducir os danos en cultivos fructícolas e contribuir á protección das abellas autóctonas. As zonas próximas a ríos e regatos son as máis perigosas.
Este plan anual municipal contra a Vespa Velutina realízase no Concello de Mos por cuarto ano consecutivo, nesta ocasión reforzado cunha escopeta de aire comprimido para poder abatir os niños de difícil accesibilidade.