700 persoas celebraron onte en Costoias a vixésimo novena Festa dos Maiores de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Como é habitual foi todo un éxito de afluencia

 

Unha das celebracións máis emblemáticas do Concello de Mos, a Festa dos Maiores, chegou este ano á súa vixésimo novena edición que se celebrou onte logrando o seu habitual éxito de afluencia e contando coa asistencia de 700 persoas entre homenaxeados, familiares e amigos.

Este ano foron 43 as parellas mosenses que en 2019 cumpren 50 anos de casadas, é dicir, que contraeron matrimonio en 1969 e este ano celebran as súas Vodas de Ouro. Destes 43 matrimonios 4 son da parroquia de Louredo, 1 de Dornelas, 3 de Tameiga, 5 de Petelos, 2 de Pereiras, 3 de Guizán, 4 de Torroso, 10 de Mos (a parroquia máis numerosa en parellas homenaxeadas), 4 de Sanguiñeda e 7 de Cela.

Para poder organizar a Festa da 3ª Idade, dirixida aos maiores de Mos, que se celebra sempre en Costoias, parroquia de Tameiga, nesta ocasión o Concello tivo que buscar ás parellas de Mos casadas en 1969 mediante a publicación da noticia en prensa e redes sociais, así como dun bando.  Ata o de agora dende a administración local solicitábanselles estes datos aos distintos curas párrocos e ao Xulgado de Paz de Mos para poder localizar aos homenaxeados. Sen embargo agora, coa entrada en vigor da nova Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais, houbo que cambiar este procedemento.

Como sempre a festa contou cunha Misa Cantada previa na Capela da Virxe da Pena de Francia. Ademais da asistencia dos matrimonios homenaxeados que cumpren as súas vodas de ouro ou 50 anos de casados, contouse, como ven sendo tradición, coa compaña dos seus familiares e amigos.

A emblemática festa goza cada ano dun éxito rotundo. Está concebida dende a administración local como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade; así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.

Os obxectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.

O festexo iniciouse cun concerto da Banda de Música Xuvenil de Torroso tras o que se oficiou a Misa, Cantada pola Coral Ventos do Val (seguida de procesión), na Capela da Virxe de Pena de Francia. A continuación, os matrimonios homenaxeados foron convidados polo Concello ó xantar, que comezou ás 14.00 horas en Costoias.

Coa sobremesa chegou a entrega de agasallos ós homenaxeados e a animación musical.