75 nenos mosenses terán por Nadal o agasallo que desexen gracias á iniciativa solidaria dunha veciña de Sanguiñeda

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Lala Doniz conta na campaña Elfos y Calcetines coa colaboración do Concello de Mos entre outras administracións locais e ONG’s

 

Os nenos e nenas con menos posibilidades económicas de Mos están este Nadal de noraboa gracias á solidariedade dunha veciña da parroquia de Sanguiñeda. Chámase Lala Doniz e é a promotora da campaña Elfos y Calcetines, que persegue o fin de que todos os cativos da comarca de Vigo e a zona de Ourense reciban alomenos un dos agasallos que piden por Nadal.

 

O sistema consiste en que a cada Elfo, -voluntario colaborador-, se lle asigna un Calcetín, -neno ou nena beneficiario desta iniciativa solidaria-. Cada pequeño escribe a súa carta cunha lista de agasallos, ou cun so, como desexe, con prezos comprendidos entre os 20 e 30 euros para evitar que uns reciban máis que outros; cada carta identifícase cun código para preservar a identidade do menor remitente (os Elfos non son coñecedores dos datos persoais dos cativos) e fáiselle chegar ó Elfo correspondente, que se encarga de mercar o agasallo e facelo chegar a un dos 45 puntos Elfo de recollida existentes que son establecementos comerciais que se adscribiron como colaboradores a esta campaña solidaria. O punto Elfo en Mos é a Librería Entre Liñas na parroquia de Petelos, lugar das Pozas, fronte ó centro Multiusos mosense.

 

Unha vez nos puntos de recollida, os agasallos son novamente recolectados e distribuídos polas entidades, organismos e administracións colaboradores (que no caso de Mos é o Concello), para proceder ó seu reparto entre os nenos Calcetines beneficiarios.

 

A pesar de que este é o primeiro ano de vida da iniciativa Elfos y Calcetines, xa conta con 840 cativos beneficiarios que recibirán por Nadal o agasallo que máis desexan. Segundo informa a promotora da campaña, Lala Domínguez, espérase acadar a cifra de 850 beneficiarios no tempo que queda antes de que chegue o Nadal.

 

A vontade solidaria non lle ven a Lala de novo, leva anos colaborando con ONG’s e xa foi tamén membro dunha iniciativa similar a Elfos y Calcetines pero a nivel nacional; ata que este ano decidiu emprender esta acción de xeito individual e máis localista, abarcando un ámbito máis reducido que cubre a área sur da comunidade autónoma galega.

 

As entidades e administracións colaboradoras con Elfos y Calcetines que se encargan da xestión de cartas e agasallos son os Concellos de Mos, Redondela, Gondomar, Mancomunidade do Ribeiro (A Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro), Cáritas Tui-Vigo, Afam, Aldeas Infantiles, Ponte Solidario (de Ponteareas), Ayuda al Mundo Necesitado (de Baiona), Arela e Alborada.

 

No caso do Concello de Mos o departamento que traballa directamente con Elfos y Calcetines é o de Benestar Social que dirixe a concelleira, Sara Cebreiro, que precisamente esta mañá se reuniu con Lala Doniz para ultimar detalles da campaña de Nadal e contabilizar tódalas cartas redactadas polos nenos e nenas mosenses de familias beneficiarias dos servizos sociais municipais (os cativos Calcetines mosenses ascenden a un total de 75) e que este ano recibirán o agasallo que máis desexen gracias a esta iniciativa solidaria dunha sanguiñedense exemplo de altruismo.

 

Para máis información sobre esta iniciativa ou colaboración coa mesma os interesados poden visitar o seu perfil de Facebook, a páxina web www.elfosycalcetines.org ou escibir un correo electrónico ó enderezo elfosycalcetines@gmail.com