80 nenos participan na primeira quenda do campamento estival “Mañás de Verán”

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Comezaron a actividade o pasado luns 3 de xullo no colexio de Castro-Mos

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Cultura e Política Social, Sara Cebreiro, visitaron onte aos cativos de 3 a 12 anos de idade que están a participar no campamento estival matinal “Mañás de verán”, impartido no CEIP Mestre Martinez Alonso de Castro-Mos de luns a venres en horario de 9 a 14:30 horas.

 

Actualmente estase a desenvolver a primeira quenda do campamento, que comezou o luns 3 de xullo e rematará o día 15. Nesta primeira quenda están a participar un total de de 80 nenos e nenas e para as tres seguintes quendas aínda hai prazas libres.

 

Os rapaces empadroados e/ou escolarizados en Mos teñen preferencia á hora de formalizar a inscrición e pagan un prezo de 40 euros por neno/a e quenda. Se quedan prazas libres nas quendas, admítense tamén aos non empadroados ou escolarizados no Concello, cun prezo de 67,5 euros.

 

Se ben a inscrición aínda está aberta e quedan prazas libres, as tres próximas quendas xa contan cun importante número de inscritos: 42 na 2ª quenda, 39 na 3ª quenda e 23 na 4ª quenda.

 

“Mañás de verán” é unha experiencia que fai que os nenos e nenas se divirtan, aprendan a relacionarse, compartan actividades e sobre todo vivirán novas e enriquecedoras experiencias. Ademais de utilizar as instalacións do colexio Castro-Mos os pequenos tamén realizarán diversas saídas entre as que se atoparán o Parque da Auga de Sanguiñeda, o Sendeiro Ecolóxico do Río Louro, a piscina ao aire libre de San Eleuterio, etc.

 

Como en anos anteriores, bríndanse actividades únicas para a educación cognitiva, social e afectiva dos participantes, cunha organización responsable, coherente e profesional, garantindo a harmonía, a convivencia, a alegría e o benestar de todos/as.

 

Con esta iniciativa, “a administración local mosense ofrece de novo unha ferramenta de conciliación entre a vida laboral e familiar para os habitantes do Concello, de xeito que nesta época estival os rapaces e rapazas poidan gozar dun ocio saudable e de calidade dirixido a través de prácticas educativas”, tal e como explicaron as representantes municipais Arévalo e Cebreiro.

 

Os obxectivos destes campamentos son facilitar a conciliación da vida laboral e familiar no período de vacacións escolares, promover a calidade de vida dos nenos/as de Mos e das súas familias, potenciar a educación en valores e hábitos saudables, favorecer o coñecemento da diversidade e riqueza natural do entorno e facer deste proxecto unha experiencia divertida e inesquecible para os rapaces e rapazas do Concello.

 

As catro quendas nas que se ofece este campamento son as seguintes:

1ª  quenda:  do 3 ao 15 de xullo (ambos inclusive).

2ª  quenda: do 17 ao 31 de xullo (ambos inclusive).

3ª  quenda:do 1 agosto ao 16 de agosto (ambos inclusive).

4ª quenda: do 17 ao 30 de agosto (ambos inclusive).

 

Ademais do servizo de campamento existe a posibilidade de contratar os servizos de Aula Matinal e Comedor cun custe adicional para os nenos e nenas que precisen entrar antes das 9 horas da mañá e quedarse a comer.