A A.V.V. Chan do Bosque celebra as súas tradicionais Xornadas Culturais

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Terán lugar a vindeira fin de semana, do 19 ó 21 de setembro

A Asociación de Veciños Chan do Bosque, de Amieirolongo parroquia de Sanguiñeda, organiza como tódolos anos as súas xa tradicionais Xornadas Culturais, que darán comezo o vindeiro venres, día 19 de setembro, e prolongaranse ata o domingo 21 de setembro durante tres días repletos de actividades.

O venres 19 de setembro haberá unha exposición de labores e ás 20.00 horas unha charla coloquio no local social sobre o ciclismo en tódalas súas categorías, que será impartida polo ciclista profesional, gañador dunha etapa do Tour de Francia entre outros grandes premios, Marcos Serrano.

O sábado día 20 ó longo de todo o serán realizaranse xogos populares, animacións, etc. Ás 17.00 horas iniciarase unha carreira popular ciclista para nenos e nenas de 4 a 14 anos que deberán ir equipados con casco e bicicleta de paseo. Ás 19.00 horas show de animación clown a cargo de Abraham Cadabra que realizará malabares e equilibrismo. Ás 20.00 horas dará comezo o Festival de Playbacks cos grupos Noite Meiga de Guizán, Estrelas do Castelo de Mos e Pedra Moura de Atios. Para rematar a xornada, ás 21.00 horas celebrarase o clásico concurso de tortillas (as candidatas serán recollidas ata esa hora como tope) que optarán ós premios de mellor sabor, mellor presentación e maior orixinalidade. Tamén haberá un concurso de tortillas especial para os nenos e un campionato de tute. Tras os concursos chegará a degustación de tortillas e mexilóns para tódolos asistentes.

E o último día, a xornada do domingo 21 de setembro, dará comezo ben cedo pola mañá cunha andaina dende a Catedral de Tui que partirá ás 09.00-09.30 horas para facer a etapa do Camiño Portugués a Santiago de Compostela rematando no torreiro de Chan do Bosque. Ó remate da Misa Solemne matinal procederase á lectura do pregón, nesta ocasión a cargo de Benigno Campos, do programa Larpeiros da Televisión de Galicia, quen colaborará ademais na preparación da paella que a continuación se degustará e que terá un prezo por ración de 7 euros incluíndo o prato grabado de recordo e un vaso de viño. Tamén haberá subasta de prantas e produtos da terra, produtos de artesanía e intercambio de libros. Organizarase ademais un concurso de prantas con premios para as prantas máis orixinais. Ás 17.00 horas a compañía Asacocirco realizará varias actuacións para os máis pequenos e ás 20.00 horas haberá un concerto do grupo Pedraquetiña de Mondariz.

O domingo celebraranse tamén varios actos relixiosos matinais. Ás 10.30 horas, Misa cantada pola Coral Santa Eulalia de Mos no local social de Chan do Bosque en honra a tódolos socios e veciños falecidos. E ás 12.00 horas Misa Solemne na Capela das Angustias seguida de pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Abrente.