A actividade “Animais: os nosos amigos”, repite nos colexios de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A concellería de Educación mosense retomou esta iniciativa dada a importancia que as mascotas teñen na sociedade actual

A concellería de Educación que dirixe a edil Kely Monzón organiza un programa de sensibilización nos centros educativos de Mos baixo o título “Animais: os nosos amigos”, coa colaboración da clínica veterinaria Ars Canis e de Graña Saúde. Hoxe celebrouse unha sesión desta actividade no CEIP Mestre Martínez Alonso, en Castro-Mos, á que asistiu a concelleira responsable da iniciativa e que foi impartida por Pedro Luis Estévez Vila, veterinario, Mª Victoria Lago Candeira, educadora social, Natalia Alonso Álvarez, monitora de tempo de lecer e Zipi, can terapeuta raza labrador.

Monzón explicoulles ós alumnos e alumnas receptores da charla que “decenas de animais no noso entorno, sofren o abandono por parte dos seus propietarios, outros moitos conviven en fogares onde non se lles presta a adecuada atención que han de ter as mascotas”. É por iso que o Concellos de Mos a través da súa concellería de Educación desenvolve por segundo ano un proxecto educativo para a mellora da convivencia cidadá.

Un dos obxectivos marcados para este curso é concienciar ós escolares dos dereitos e deberes cidadás a través do coñecemento da realidade que lles rodea para favorecer o aprendizaxe dos valores humanos e desenvolver o respecto, interese e o compromiso co seu entorno máis inmediato. Coa sesión didáctica “Animais: os nosos amigos” trátase de achegar ós escolares ó mundo das mascotas e a importancia que estes teñen para o desenvolvemento da vida na nosa sociedade. Outros dos obxectivos son educar nas responsabilidades civís para a mellora da convivencia cidadá, concienciar ós pequenos da necesidade de desenvolver un bo trato cara as distintas especies, sobre todo as domésticas, promover a adopción responsable de mascotas, coñecer de preto a profesión de veterinario/a, previr dende a infancia actitudes de pasividade fronte o maltrato animal, potenciar o sensibilidade cara o entorno natural, os seres vivos, e o mundo animal e desenvolver nos escolares actitudes de amor, respecto, compromiso e responsabilidade.

Os destinatarios desta actividade son os alumnos de 2º e 3º cursos de Educación Primaria dos centros educativos do Concello de Mos. Ademais do Colexio de Castro-Mos, no que se desenvolveu esta mañá a actividade, tamén participan da mesma o CEIP de Atín-Cela, o CEIP Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda e o Colexio Lar.

A actividade desenvolverase durante os meses de febreiro e marzo. A duración de cada sesión é de 75 minutos aproximadamente. A metodoloxía empregada será dinámica e participativa. Na primeira parte da sesión o veterinario propicia, cunha exposición ilustrada en Power Point, o coñecemento dos animais domésticos a través da historia e a súa contribución o noso benestar. Na segunda parte da sesión realízase, co apoio da educadora social e a monitora de tempo de lecer, un xogo interactivo cuio obxectivo é que o grupo aporte as necesidades que teñen as mascotas, identificando así tamén as responsabilidades e obrigas que os donos adquiren cos seus animais domésticos. Na terceira e última parte da sesión destácase tamén a función social que poden exercer as mascotas e a importante contribución á mellora da nosa calidade de vida e benestar. Preséntase nesta derradeira sesión a Zipi, can de raza labrador, que desenvolve en Graña Saude, Centro de Reeducación Integral, unha función terapéutica de axuda a persoas con diferentes patoloxías e dificultades de socialización.