A alcaldesa de Mos doa un 30% do seu soldo para loitar contra o COVID-19

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Dous concelleiros con dedicación exclusiva farán o mesmo e o resto do goberno local renuncia ás súas retribucións por asistencias a plenos e comisións do mes de marzo, e os que poidan celebrarse en abril

– Os edís mosenses ingresan a porcentaxe da súa retribución mensual na conta bancaria da administración local para afrontar os gastos extraordinarios xerados pola crise sanitaria do coronavirus no municipio

– Os representantes municipais mosenses súmanse así á medida da Xunta de Galicia que implica a mesma aportación por parte do presidente Alberto Núñez Feijóo e dos conselleiros

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os concelleiros con dedicación exclusiva, Baldomero Lorenzo e Sara Cebreiro, doarán un 30 por cento do seu soldo de abril para a loita contra o COVID-19, sumándose así á medida anunciada polo Goberno galego e que se aplican tamén o presidente Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros da Xunta de Galicia.

O resto de edís do equipo de goberno local, o tenente alcalde Camilo Augusto, Alberto Méndez, Leo Costas, Begoña Toucedo e Gonzalo Alonso, renuncian ás súas retribucións por asistencias a plenos e comisións do mes de marzo, e os que puideran chegar a celebrarse en abril.

No caso do Concello de Mos, a rexedora local mosense e os edís pasan a ingresar a porcentaxe da súa retribución mensual na conta bancaria da administración local para afrontar os gastos extraordinarios xerados pola crise sanitaria do coronavirus no municipio. Xa que a xestión desta crise a nivel local está a xerar diversos gastos extras ás arcas municipais “que queremos contribuír a sufragar aportando unha porcentaxe do noso salario”, explica Nidia Arévalo.

Ademais Arévalo declarou que esta medida é tamén “un xesto de solidariedade cos cidadáns mosenses que estes días están a ver mermados o seus ingresos, de gratitude coa veciñanza que está a colaborar voluntariamente, e na medida das súas posibilidades, a xestionar esta crise o mellor posible a nivel local; ás empresas que tamén están a prestar apoio e axuda… en definitiva, á gran cadea humana solidaria que nestes intres está a aportar o que pode e a axudar como pode; para que saiban que non están sós, que os seus representantes políticos están tamén ao seu carón, e que xuntos sairemos“.

E é que as achegas, tanto económicas como de material sanitario –mascarillas, lentes, luvas…– son determinantes para poñer freo á pandemia, por iso os dirixentes municipais do Concello de Mos non quixeron deixar pasar a oportunidade de realizar as súas respectivas achegas particulares.