A alcaldesa de Mos e os concelleiros con dedicación exclusiva renuncian á paga extra de Nadal

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O acordo comunicouse esta mañá nunha mesa de negociación cos sindicatos, en solidariedade cos funcionarios municipais

Esta mañá reuniuse en Mos a mesa de negociación dos sindicatos con representantes municipais. En dita mesa, ademais dos representantes das organizacións sindicais e dos traballadores municipais dos distintos departamentos do Concello, estiveron presentes a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a concelleira de Persoal, Julia Loureiro, a xefa do departamento municipal de Persoal, e o Secretario e o Interventor municipais.

Na reunión tratouse a RPT para o vindeiro ano, que finalmente apenas sufrirá cambios xa que ten que adaptarse ó orzamento. Neste sentido a modificación máis relevante que experimentará a RPT, segundo informaron Arévalo e Loureiro, será a referente á Policía Local, que recolle a posibilidade de que cando haxa efectivos policiais suficientes, se preste servizo os 365 días do ano durante as 24 horas do día.

As representantes municipais pediron tamén paciencia ós traballadores ante o esforzo de ter que renunciar á súa paga extra, incluíndo a de productividade. Neste sentido anunciaron ademais que dende o equipo de goberno local se asume tamén o recorte da paga extra para os corporativos con dedicación exclusiva, restricción esta que se levará ó vindeiro Pleno ordinario da Corporación Municipal.

Outro dos acordos adoptados na mesa sindical matinal foi o de iniciar o proceso de funcionarización do persoal laboral fixo, aprobado xa en decembro de 2011, posto que dito proceso non supón ningún custe económico con cargo ó orzamento municipal. Dito proceso consiste en que o persoal municipal laboral fixo pase a ser funcionario.

En canto á eliminación da paga extra do equipo de goberno, foi a rexedora local a encargada de comunicar esta mañá a substancial decisión, pola que se lles retirará ós corporativos municipais a paga extra, que non cobrarán, ó igual que lles ocorre ós funcionarios. Deste xeito as dedicacións exclusivas do equipo de goberno mosense veranse reducidas nun total de 12.000 euros.

Arévalo comunicou ademais á mesa de negociación sindical que dita eliminación da paga extra dos concelleiros con dedicación exclusiva correspondente ó vindeiro mes de decembro, proporase ó conxunto da Corporación no Pleno que se celebrará o vindeiro día 25 de setembro ás 12.30 horas.

Deste xeito o goberno municipal cumple co compromiso adquirido de aplicar ós representantes que perciben unha retribución en compensación á dedicación que con carácter exclusivo teñen recoñecido, as mesmas condicións económicas que ten atribuído o persoal municipal. Con esta medida o grupo municipal de goberno quere solidarizarse co conxunto de traballadores que prestan os seus servizos no Concello de Mos, e colaborar no esforzo económico que está a realizar a sociedade española para lograr superar a época de profunda crise que se está a padecer.