A alcaldesa de Mos, elixida representante do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O vindeiro día 22 presentará en FITUR o produto turístico histórico da zona: ‘Benvidos ao primeiro reino medieval de Europa’

Na reunión celebrada en Tomiño o pasado luns, 13 de xaneiro, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, foi elixida como representante institucional do xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño durante o ano 2020.

Cada ano será elixido un alcalde dos 14 concellos integrantes do xeodestino, e este ano será a alcaldesa de Mos a representante oficial, ostentando este cargo que ten unha duración e relevo anual.

A primeira intervención de Nidia Arévalo como representante deste cargo institucional será o vindeiro 22 de xaneiro en FITUR. Data na que, ás 18.00 horas da tarde, presentará o produto turístico histórico do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, co título de marca: ‘Benvidos ao primeiro reino medieval de Europa’.

Os 14 concellos que abrangue este xeodestino son A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui. Municipios acudirán a vindeira semana a Madrid para arroupar ao proxecto durante a presentación oficial do seu primeiro produto na Feria Internacional de Turismo, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate no que dar a coñecer o proxecto.

A reunión celebrada no Salón de Plenos do Concello de Tomiño o pasado luns 13 congregou aos 14 alcaldes e alcaldesas, así como de técnicos e concelleiros de todos os municipios que abrangue o xeodestino, para coñecer de primeira man a versión definitiva do Plan Estratéxico e os produtos turísticos e o material que servirá en FITUR de primeiro contacto coas futuras persoas visitantes do territorio. Esta reunión contou coa presenza de Sandra González, anfitriona, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade que dirixe o xeodestino; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan González, rexedor de Nigrán; David Alonso, concelleiro de O Porriño; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Agustín Reguera, rexidor de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.

Durante a reunión as e os representantes dos municipios debateron tamén cuestións relacionadas coa adenda de convenio de colaboración entre Eurural e os Concellos.

Proxectos comúns

Ría de Vigo e Baixo Miño é un xeodestino de referencia tanto no eido patrimonial, con 64 Bens de Interese Cultural, como no natural, contando cun dos seis Parques Naturais da comunidade galega, situándose no ámbito de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas e con outros 11 espazos naturais baixo diferentes figuras de protección. Todo isto sen esquecer as súas 10 festas declaradas de interese turístico (entre elas a Festa da Rosa de Mos, de Interese Turístico de Galicia). Unha ampla variedade de recursos que conviven no territorio que ocupa o xeodestino que facilitan a articulación de futuros produtos turísticos.

Trátase dunha área xeográfica estratéxica con varios aeroportos situados a poucos quilómetros e cun marcado carácter transfronteirizo que facilita a captación de turistas internacionais. E é que con 500.000 pernoctas en 2018, a Ría de Vigo e Baixo Miño xa se sitúa como o segundo xeodestino de Galicia en volume de demanda hoteleira, soamente por detrás da Ría de Arousa.

A pesar das diferentes realidades municipais que se viven nos 14 concellos do xeodestino, coa definición e posta en marcha do plan estratéxico búscase abrir as portas a unha xestión turística unificada, optimizando recursos estruturados e organizados, poñendo en marcha medidas que faciliten a creación e comercialización de produtos turísticos diferenciados.