A alcaldesa de Mos informa do arquivo das denuncias á Cidade Deportiva do Celta en Pereiras cando vai facer un ano da primeira pedra

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Imaxe desta mañá das obras na Cidade Deportiva en Pereiras.

 

Nidia Arévalo anuncia que as obras dos campos de fútbol e vestiarios están a piques de rematar e será cuestión de días que se trasladen alí os adestramentos do equipo

 

Cando se aproxima a data do primeiro aniversario da primeira pedra da Cidade Deportiva en Mos, que tivo lugar o 30 de novembro do ano pasado, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifesta novamente o seu firme apoio a este proxecto “porque defendo os intereses de Mos e porque nos tempos que corren, de crise sanitaria e económica por mor da COVID-19, é máis necesario que nunca xerar riqueza e postos de traballo no municipio”, declarou firme a alcaldesa.

Ademais a rexedora local mosense informou de que “as obras das instalacións deportivas na parroquia de Pereiras están moi avanzadas e en moi pouco tempo, cuestión de días, os xogadores do Celta estarán xa adestrando alí”.

Arévalo foi moi clara tamén respecto das accións legais emprendidas contra a Cidade Deportiva en Pereiras, tanto pola Comunidade de Montes de Tameiga como por un apéndice da mesma, Ecoloxistas en Acción, e lembrou que o proxecto está amparado e avalado por 2 arquivos ás súas denuncias, un por parte da Fiscalía e outro por parte da APLU (Axencia Galega pola Legalidade Urbanística); sendo este o máis recente, do pasado mes de outubro.

Fai un ano e con vistas a ensombrecer o acto de primeira pedra, a Comunidade de Montes de Tameiga presentaba unha denuncia por suposta prevaricación ante a Fiscalía, que foi desestimada por esta ao estar a modificación puntual do PXOM, aprobada inicialmente en Pleno, totalmente avalada pola legalidade, tanto polos informes da Secretaría Municipal, como por Intervención e Urbanismo do Concello de Mos; como pola Xunta de Galicia.

Posteriormente, en setembro deste ano 2020, Ecoloxistas en Acción como parte da Comunidade de Montes de Tameiga, presentaba ante a APLU unha denuncia contra o Concello de Mos pola licenza aos campos de fútbol e vestiarios da Cidade Deportiva do Celta en Pereiras, que resultou arquivada o pasado 7 de outubro; dándolle unha vez máis a razón á alcaldesa e á administración local mosense e avalando a legalidade do proxecto deportivo celeste en Mos, posto que as obras realizadas adecúanse á lincenza municipal solicitada e concedida.

Nidia Arévalo decidiu hoxe pronunciarse respecto deste tema porque “ante a proximidade de que se cumpra un ano da primeira pedra, moito me temo que volten a facer o mesmo buscando únicamente a noticia, saír na prensa. Pero a noticia en realidade é que denuncian cos cartos dos comuneiros”. “É moi doado gastar cartos públicos en demandas que o único que pretenden é alimentar unha campaña de acoso e derribo contra a miña persoa como alcaldesa, simplemente queren facerme dano a min, desprestixiarme, e para elo cometen a irresponsabilidade económica de gastar os cartos dos comuneiros e ademais causarlle gastos ao Ministerio Fiscal”.

“Con esta actitude o único que seguen a facer é política contra min, é o único que buscan, e iso é o que hoxe quero manifestar, para que a xente en xeral, e sobre todo a veciñanza de Mos, saiba a verdade, e sexan conscientes de que se todo o denunciado por esta Comunidade está arquivado, por algo será”. Sentenciou a alcaldesa.