A alcaldesa de Mos presenta en FITUR ‘Benvidos ao primeiro reino medieval de Europa’

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

  • Na súa intervención avanzou a folla de ruta do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para os próximos 5 anos, unha planificación que contempla unha proposta de 10 liñas de traballo centradas na creación de produto turístico de calidade e sustentable

 

  • Nidia Arévalo, elixida representante do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, interviu esta tarde ás 18.00 horas na Feira Internacional de Turismo en Madrid, xunto con Nava Castro, Directora da Axencia Turismo de Galicia, Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e Paco Ferreira, alcalde de Gondomar

A alcaldesa de Mos e representante institucional do xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño durante o ano 2020, Nidia Arévalo, presentou esta tarde ás 18.00 horas en en FITUR o produto turístico histórico do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño: ‘Benvidos ao primeiro reino medieval de Europa’.

Durante a presentación proxectouse un vídeo divulgativo do devandito produto turístico do xeodestino, ‘Benvidos ao primeiro reino medieval de Europa’, e interviron tamén Nava Castro, Directora da Axencia Turismo de Galicia, Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e Paco Ferreira, alcalde de Gondomar.

Na súa presentación desta tarde a rexedora local mosense destacou que “na zona da Ría de Vigo e Baixo Miño non somos só historia. Somos moito máis”. Para por en valor esta riqueza turística Arévalo anunciou que desde o xeodestino “temos definida unha folla de ruta para os próximos 5 anos, unha planificación que contempla unha proposta de 10 liñas de traballo centradas na creación de produto”.

Insistiu Arévalo na súa presentación en que “Galicia destaca polo seu patrimonio, a súa historia, a súa cultura, pero tamén pola súa paisaxe e recursos naturais, pola súa gastronomía e, como non, temos unha xoia: temos o Camiño de Santiago. Pois ben, en Ría de Vigo e Baixo Miño vemos reflectidos todos e cada un deses elementos”. “Pero tamén contamos con atributos que nos caracterizan, que nos fan singulares”, continuou a alcaldesa mosense, “como como a pedra, a auga, a fronteira con Portugal como unha das máis antigas do mundo, ser destino tradicional e familiar, ser un esceario ideal para a páctica deportiva, as festas (10 delas de interese turístico) e festivais e o clima suave os 12 meses do ano”.

“Falamos dun xeodestino referente no patrimonial, pero tamén no natural e paisaxístico. Somos, ademais, a porta de entrada do Camiño Portugués en Galicia, con máis de 115 quilómetros de peregrinación no noso territorio”, salientou tamén a alcaldesa de Mos.

Arévalo quixo promover así mesmo a Ría de Vigo e Baixo Miño como un destino turístico de calidade e sustentable. E adiantou as liñas de traballo para os vindeiros anos entre as que se atopan a pedra como eixo temático, aproveitar o auxe do Camiño Portugués dada a proximidade do Xacobeo 2021, buscar sinerxias con iniciativas xa en marcha na posta en valor da fronteira, promocionar Ría de Vigo e Baixo Miño como un destino de natureleza e sustentable, presentar a auga como xerador de experiencias, posicionar o xeodestino como un destino familiar, apostar pola enogastronomía, impulsar a Ría de Vigo e Baixo Miño como un destino deportivo, poñer en valor as festas e os festivais, e todo isto acompañado dunha adecuada promoción baseada na colaboración entre administracións e tamén público – privada.

Os 14 concellos que abrangue este xeodestino son A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui. Municipios que acudiron esta tarde a Madrid para arroupar ao proxecto durante a presentación oficial do seu primeiro produto na Feria Internacional de Turismo, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate no que dar a coñecer o proxecto.

Nunha reunión dos 14 concellos integrantes do xeodestino celebrada en Tomiño o 13 de xaneiro, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, foi elixida como representante institucional do xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño durante o ano 2020.

Cada ano será elixido un alcalde dos 14 concellos integrantes do xeodestino, e este ano será a alcaldesa de Mos a representante oficial, ostentando este cargo que ten unha duración e relevo anual.