A alcaldesa de Mos trata co vicepresidente da Xunta asuntos prioritarios a levar a cabo durante o ano

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse onte co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández Tapias, para tratar sobre os proxectos a levar a cabo no municipio mosense ao longo do ano.

Arévalo abordou tamén con Rueda outras necesidades como dotacións para a Policía Local entre as que se atoparía un novo vehículo, a mellora do Cemiterio Municipal de Torroso, o remate do local social de Dornelas e un parque infantil nas inmediacións do Centro Cultural Abrente de Torroso.

A mellora do cemiterio de Torroso consistirá na drenaxe de 3 grupos de panteóns pola parte traseira dos mesmos, xa que actualmente existen filtracións de auga nos nichos. Deste xeito acometerase a impermeabilización da cuberta dos 3 grupos de panteóns. Un dos grupos ten 75 metros cadrados de cuberta e os outros dous 48 metros cadrados cada un. O orzamento a investir nesta obra ascende a 25.000 euros.

No caso de local social de Dornelas, quedaría pendente a instalación dun ascensor e a dotación equipamentos interiores, para rematar a obra xa acometida en 2019 pola Xunta consistente no illamento térmico, pavimentacións e eliminación de humidades co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

Por último, para o parque infantil na contorna do Abrente, xa se asinou o mes pasado no Concello, a cesión por parte da Comunidade de Montes de Torroso á administración local, dun terreo de preto de 300 metros cadrados a tal fin. Con este parque darase servizo ás familias de Peinador que demandaban este espazo de lecer infantil ao aire libre desde fai anos.