Mos ve interese político e deslealtade institucional por parte da Deputación pola filtración á prensa do informe sobre a modificación do PXOM

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O documento está en mans dos medios de comunicación desde o pasado venres e, a data de hoxe, aínda non chegou ao Concello

 

Esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos unha rolda de prensa sobre os informes do Ministerio de Fomento (a través da Dirección Xeral de Estradas) e da Deputación Provincial de Pontevedra respecto da modificación puntual do PXOM relativa á construción da Cidade Deportiva do R.C. Celta.

Na devandita rolda de prensa estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde mosense, Camilo Augusto, e demais membros do equipo de goberno local.

A rexedora destacou, sobre todo, en rolda de prensa que o informe da Deputación non chegou aínda ao Concello, polo que non hai datos para poder falar del. “É lamentable que llo envíen á prensa antes de mandarllo ao interesado. Desde o momento que llo filtran primeiro aos medios, en lugar de entregarllo ao Concello, hai un claro interese político e prodúcese unha grave deslealtade institucional”, declarou Arévalo. Quen continuou dicindo a este respecto que “aínda que descoñezo o seu contido real, imaxino que será un documento que ataque ó interese xeral de Mos. Non sei o que pon realmente ese informe, pero sí sei sobre o que teñen que limitarse a informar que é sobre un vial vial provincial afectado que se trata unha estrada case en desuso ao existir outra estrada provincial máis recente que comunica esa zona. Asunto que se solucionaría coa trasferencia da titularidade do vial ao Concello, que é o que imos pedir”. É por iso que a alcaldesa dubida da intencionalidade da Deputación neste senso declarando que “moito me temo que todo isto está dirixido”.

Nidia Arévalo aludiu tamén á deputada e voceira socialista de Mos, Victoria Alonso, “que non se preocupa en absoluto en defender a Mos, tan só defende os intereses do PSOE e nin se preocupa de que os trámites da administración provincial á que representa cheguen en tempo e forma ao seu Concello”, dixo. Polo que lle esixiu a Alonso responsabilidade.

O procedemento de modificación puntual do PXOM, que se iniciou en xaneiro de 2018, ven percorrido ata o de agora un camiño polo que se chegou á aprobación inicial en Pleno o pasado mes de setembro e polo que se deron os pertinentes pasos administrativos consistentes na solicitude de informes sectoriais, tanto por parte do Concello como da Xunta. De entre os informes xa recibidos polo Concello de Mos, solicitados algúns antes e outros despois da aprobación inicial, existen 4 favorables e só 1 desfavorable, que é o do Ministerio de Fomento. Os informes favorables son os de AENA AESA Aviación Civil, Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Ministerio de Economía e Empresa (Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxía da Información) e Ministerio para a Transición Ecolóxica (Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas.

O paso a dar a partir de agora será traballar sobre os informes desfavorables, xa que todas as puntualizacións son subsanables. É por iso que Arévalo advertiu hoxe na rolda de prensa que “non se acaba o mundo, non é nada extraño nin inusual que os informes sectoriais dun proxecto municipal indiquen puntos a subsanar. É o habitual e trátanse de correccións que se poden realizar aínda. E ademais hai que lembrar que xa existen outros informes favorables respecto da modificación puntual do PXOM, pero dos que ninguén fala, como os de Aviación Civil e Telecomunicacións por exemplo”.

É por todo elo que a rexedora local mosense esixiu respecto para o Concello de Mos e anunciou que os grupos do Partido Popular, tanto local como provincial, “presentaremos sendas mocións a este respecto a tratar nos respectivos Plenos do Concello de Mos e da Deputación de Pontevedra sobre o claro interese político e a grave deslealtade institucional de enviar primeiro aos medios que ao Concello un informe que, a data de hoxe, aínda non foi recibido nesta administración local”.