A alcaldesa márcase como obxectivo para 2020 lograr un GES para Mos que se integre no Servizo Municipal de Emerxencias

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A necesidade do grupo fundaméntase nas preto de 240 urxencias asistidas durante os últimos tres meses, as máis abundantes relativas a accidentes de tráfico

 

Con motivo do remate do contrato da brigada contra incendios, que finaliza mañá 19 de outubro, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, fixo balance do seu traballo durante os últimos meses, así como do Servizo Municipal de Emerxencias en xeral.

A contratación desta brigada, dotada de 12 traballadores/as, é posible grazas ao convenio anual que o Concello de Mos asina coa consellería do Medio Rural, que dota á administración local dunha subvención para a prevención de incendios forestais.

Grazas a esta axuda, a administración local mosense contratou a unha brigada contra incendios e de apoio ao Servizo Municipal de Emerxencias, formada por 7 condutores motobomba, 4 operarios peóns e 1 xefe de brigada. Traballaron na prevención de incendios durante este verán, concretamente durante 3 meses, do 20 de xullo ao 19 de outubro; coordinados polo Encargado do Servizo de Emerxencias do Concello de Mos, Rodrigo Iglesias.

Durante os últimos tres meses estes 12 traballadores/as actuaron nun total de 237 intervencións, das que as máis numerosas foron os accidentes de tráfico: 87, seguidos dos incendios forestais: 32. Sen embargo as súas actuacións foron do máis variado e participaron ademais de en asistencia a sinistros e extinción de lumes forestais; en operativos relativos á organización de eventos, control de verquidos ao río, incendios de vehículos, recollida de animais…etc.

Dado o elevado número de intervencións, dende o Concello de Mos considérase necesaria a existencia no municipio dun GES (Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia) que se integre permanentemente no Servizo Municipal de Emerxencias. En concreto o de Mos trataríase dun Sub GES e estaría dotado dun grupo de 6 operarios que traballarían co coordinador de Emerxencias de Mos na asistencia a urxencias, incendios urbanos, industriais e forestais, accidentes de todo tipo, rescates, etc.

Dado que os GES dependen da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a rexedora local mosense márcase o obxectivo de intermediar e xestionar co vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, a entrada en vigor dun GES en Mos de cara ao vindeiro ano 2020.

Respecto da brigada municipal contra incendios deste verán que mañá remata o seu contrato a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, agradeceulles enormemente o labor de apoio ao Servizo Municipal de Emerxencias realizado e declarou que “a importancia deste dispositivo de loita contra incendios é vital”, pero incidiu en que “é preciso concienciar á cidadanía para intentar diminuír desde o primeiro momento o risco dun lume, xa que o monte é patrimonio de todos. Por iso insistimos en potenciar a prevención, a vixilancia e disuasión para que os montes mosenses non volvan ser vítimas de lumes coma os que tivemos que lamentar en 2017”.