A alcaldesa pediu hoxe o apoio de deputados e senadores do seu partido en Madrid para que se execute a pasarela peonil en Amieirolongo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, pediu hoxe o apoio de deputados e senadores do seu partido en Madrid para que a axuden a que se execute a pasarela peonil en Amieirolongo, ante a inacción e desentendemento do Goberno central.

O compromiso adquirido no ano 2014 paralizouse co cambio de Goberno. Parálise que non pode continuar dada a perigosidade deste nó no que conflúen entradas e saídas das autovías e a Estrada Nacional 550, coa zona comercial e o Camiño de Santiago.

A rexedora local mosense estivo acompañada na visita matinal a Amieirolongo polos deputados María Ramallo e Javier Bas, e os senadores Javier Guerra, Pilar Rojo e Elena Muñoz. E lembrou que o ano pasado, ademais, aprobouse por unanimidade da Corporación do Pleno un acordo, refrendado pola Mesa do do Camiño do Concello de Mos, para instar á acometida deste proxecto. Por último, a alcaldesa anunciou que, de persistir esta situación, non freará máis a intención dos veciños de Amieirolongo de manifestarse cortando o tráfico e sumarase ás mobilizacións.