A alcaldesa reúnese con todos os colectivos mosenses para abordar a nova situación derivada do COVID-19

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

 

– Constitúense Mesas de Traballo Sectoriais por videoconferencia

– Mañá celebraranse as dúas primeiras xuntanzas: cos clubes deportivos e coas comisións das festas de maio e xuño

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que mañá comezará unha ronda de reunións telemáticas con todas as asociacións, colectivos e sectores do municipio.

As xuntanzas, que se realizarán por videoconferencia, empezaron a convocarse a principios desta semana e teñen como obxectivos escoitar e coñecer as preocupacións, demandas e inquedanzas dos diferentes colectivos mosenses ante esta nova situación derivada da crise sanitaria do COVID-19.

No momento no que foron convocadas xa se lles facilitou aos participantes os correos electrónicos das concelleiras responsables de Cultura e Deportes, Sara Cebreiro e Begoña Toucedo, para que lles puideran ir adiantando as posibles propostas a tratar en cada xuntanza e que estas as poidan ir xa estudando de antemán e levalas preparadas á reunión en cuestión.

“Trátanse de Mesas de Traballo nas que abordaremos previsións a curto prazo, de interese para os colectivos ou nas que estean implicados, informaremos de medidas, normas e procedementos que xa se atopen concretados e buscaremos a toma de decisións consensuadas no que respecta a temas que afecten a cada colectivo en particular”, explicou hoxe a rexedora local mosense.

Arévalo aununciou tamén que mañá pola tarde celebraránse as dúas primeiras reunións: cos clubes deportivos e coas comisións de festas dos meses de maio e xuño. E deu conta das seguintes xuntanzas que se levarán a cabo e que son: o mércores 13 de maio cos locais parroquiais (tanto sociais, como culturais, veciñais e das Comunidades de Montes) e coas asociacións culturais mosenses; e a seguinte será cos membros integrantes da Mesa do Camiño, na que participará tamén representación da Xunta de Galicia (previsiblemente a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro), ao tratarse o de Mos do único concello galego que conta cunha Mesa Local do Camiño de Santiago.

Ademais xa hai unha reunión presencial concertada para o vindeiro luns 11 de maio e que se realizará coa participación dalgúns dos membros da directiva do Club Natación Mos. Esta xuntanza celébrase en persoa ao ser o tema a tratar, a Piscina Municipal, dun asunto especialmente delicado nesta situación de crise sanitaria.

Ademais da alcaldesa e os integrantes dos colectivos interesados en cada unha destas Mesas de Traballo Sectoriais, participarán tamén o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, que se encargará do soporte telemático das videoconferencias, as edís de Cultura e Deporte, Sara Cebreiro e Begoña Toucedo, respectivamente, e os secretario, interventora e técnico de Persoal municipais, para solventar in situ e en tempo real as dúbidas que poidan ir surxindo en cada reunión.

ANPAS

Todos os colectivos contarán coa súa propia Mesa de Traballo específica e as xuntanzas celebraranse todas as veces que sexan necesarias. Entre ditos colectivos atópanse tamén as Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as, ANPAS, tanto dos colexios de Educación Infantil e Primaria, como do Instituto e das Escolas Infantís. Se ben esta Mesa coas ANPAS levarase a cabo máis adiante, cando a consellería e o ministerio de Educación teñan un pouco máis concretado o protocolo a seguir en materia educativa, pois son ambas administracións supramunicipais as que teñen competencia exclusiva en educación.