A Axencia de Colocación de Mos organiza un foro para mellorar as competencias dixitais na búsqueda de emprego

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A acción formativa desenvolverase do 2 ó 9 de decembro e o prazo de inscricións atópase xa aberto

 

O concelleiro de Formación e Emprego e tenente alcalde mosense, Óscar Soto, lembrou hoxe que a Axencia de Colocación organiza o Foro de Emprego denominado “Foro EmpregaT-e: Mellora das competencias dixitais para a busca de emprego”. O edil destacou sobre todo o interese das charlas, xa que serán impartidas por profesionais expertos neste tema. Os asistentes ó foro poderán levar os seus ordenadores persoais.

 

Esta iniciativa organízase dentro da programación formativa da Axencia de Colocación de Mos en relación ás necesidades detectadas entre os usuarios/as da mesma en relación á mellora de competencias informáticas e tecnolóxicas, e mellora das súas habilidades na busca de emprego. O foro englóbase no marco de colaboración coa Rede CeMIT á que o Concello de Mos está adscrito dende abril do ano 2013.

 

Os interesados en participar nesta actividade formativa poden inscribirse directamente escribindo ó enderezo de correo electrónico info@axenciadecolocacionmos.es,  indicando os talleres concretos que queren realizar.

 

Os títulos dos talleres nos que poden apuntarse os interesados neste foro son: alfabetización informática, ferramentas para a busca de emprego en Internet, seguridade informática, Office, “O mercado de traballo da economía dixital: algunhas características e algúns recursos”, “Axencia de Colocación Mos: Cómo podemos axudarche a encontrar traballo”, Insere Asociación de Empresarios de Mos, Taller Trámites-e, creación blog e ferramentas de comunicación, e redes sociais e busca de oportunidades.

 

O Foro EmpregaT-e está orientado á mellora das competencias dixitais para a busca de emprego e da empregabilidade das persoas que se atopan en paro. O formato do foro consiste en varios obradoiros, dos cales se acaban de enumerar os títulos, que se desenvolverán durante unha semana, dende o martes día 2 ó martes seguinte, 9 de decembro, en horario de mañá de 09:00 horas a 14:00 horas, nas instalacións da propia Axencia de Colocación (Avenida de Peinador, 39). Estes talleres serán impartidos por voluntarios dixitais e estarán complementados por unha charla informativa dun experto en intermediación laboral e utilización dos medios tecnolóxicos para a busca de emprego.