A Banda de Música Xuvenil de Torroso triunfa no Concurso Provincial de Bandas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A agrupación mosense logrou situarse na primeira posición da Sección Segunda do certame organizado pola Deputación de Pontevedra
 
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, quixeron felicitar á Banda de Música Xuvenil de Torroso polo primeiro posto acadado no Concurso Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra que se celebrou a pasada fin de semana, en Vilagarcía, e ó que acudiron como espectadoras ambas representantes municipais para apoiar á banda mosense, que finalmente resultou vencedora neste importante evento musical a nivel provincial.
 
As representantes municipais fixeron fincapé no símbolo que esta agrupación musical representa para Mos, e no orgullo que supón para o Concello “contar cunha banda, e cuns músicos, de tal alta calidade que logran situarse á cabeza do ranking provincial e entre os mellores a nivel autonómico”, dixeron; así como tamén lles deron as “gracias tanto á directora, coma ó presidente e a todos e cada un dos músicos integrantes da banda polo esforzo realizado ensaio tras ensaio, actuación tras actuación, a prol do fomento da cultura musical no municipio mosense”.
 
O XII Concurso Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación de Pontevedra celebrouse con grande éxito de público no auditorio de Vilagarcía o pasado 27 e 28 de outubro. Foi notable o nivel musical do encontro do que resultou vencedora, na Sección Segunda (de 46 a 60 músicos) a Banda de Música Xuvenil de Torroso.
 
O terceiro premio foi para a Banda Airiños do Morrazo con 203 puntos, o segundo premio con 229 puntos acadouno a Agrupación Musical de Goián e o primeiro premio foi para a Banda Xuvenil de Torroso con 292 puntos. Dita banda, que participou con 57 compoñentes entre os 10 e os 37 anos de idade e baixo a dirección de Dona Ángeles Lorenzo Estevez interpretou “Camiño da Rogueira” obra obrigada escrita polo compositor galego Ernesto Campos e “Praise Jerusalem!” de Alfred Reed como obra libre.
 
O Centro Cultural de Torroso tamén quixo felicitar á Banda de Música Xuvenil pola consecución deste primeiro posto na Segunda Sección e animala a seguir traballando do mesmo xeito para facer fronte a novos proxectos. Resaltar tamén o traballo da directora Ángeles Lorenzo así coma a todos os mestres da escola de música, xa que grazas ao seu traballo vanse incorporando á agrupación novos alumnos