A Biblioteca Municipal de Mos acolle a entrega de premios do Concurso Infantil de Postais de Nadal

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os gañadores foron Esbeba Correa Pampillón de 5 anos, Ricardo García Fernández de 7 anos e Antonio Álvarez Pampillón de 9 años

 

A concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, asistiu esta mañá á entrega de premios do Concurso de Postais de Nadal do Concello de Mos que se celebrou na Biblioteca Municipal. A edil declarou a este respecto que “dende a Biblioteca Municipal quixemos aproveitar esta época tan marabillosa do ano para potenciar a creatividade dos nosos escolares e sobre todo fomentar a lectura e a escritura nos nosos cativos poñendo en marcha o tradicional Concurso de Postais de Nadal Concello de Mos, enfocado para o público con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos”.

 

Finalmente proclamáronse vencedores deste concurso a nena Esbeba Correa Pampillón de 5 anos de idade na Categoría I de 3 a 5 anos, Ricardo García Fernández de 7 anos de idade na Categoría II de 6 a 8 anos, e Antonio Álvarez Pampillón de 9 anos de idade na Categoría III de 9 a 12 anos.

 

Neste concurso o xurado valorou, á hora de repartir os premios, a calidade e orixinalidade, así como os valores positivos de cada postal.

 

Todas as postais presentadas a concurso permanecen expostas na Biblioteca dende o día 24 de decembro e permanecerán ata o 7 de  xaneiro. Ademais dos tres gañadores, na entrega de premios desta mañá cada concursante recibiu tamén un agasallo en compensación por ter participado.

En total participaron neste concurso 60 nenos e nenas de Mos coas súas respectivas postais, dos cales da Categoría de 3 a 5 anos foron 10 cativos, da Categoría de 6 a 8 anos 25 nenos; e da Categoría de 9 a 12 anos outros 25 nenos e nenas.