A Biblioteca Municipal instálase nas casas dos mosenses

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A lectura tampouco para en Mos e o Concello leva a domicilio a través do programa “Lectura no fogar” libros que deberán ser solicitados telefónicamente

 

Despois de “O Deporte Non Para en Mos”, “A Cultura Non Para en Mos” e “AnimaMOS nas redes”, chega ao municipio mosense unha nova iniciativa de lecer on line para que nenos/as e adultos/as poidan aproveitar ao máximo o tempo libre dispoñible durante este confinamento derivado da crise sanitaria do COVID-19.

Trátase do programa “Lectura no fogar” emprendido desde a concellería de Cultura do Concello de Mos. A lectura tampouco para en Mos.

Consiste en que desde a Biblioteca Municipal actívase un novo servizo de préstamo de libros con entrega no fogar, dirixido aos socios/as usuarios/as da Biblioteca con domicilio en Mos.

Os pedidos ponderán facerse a través do propio número de teléfono da Biblioteca (986 338 080) de luns a venres en horario de 10.00 horas a 13.00 horas solicitando un máximo de 2 exemplares por socio/a en cada chamada.

Os repartos realizaranse a domicilio dous días por semana con todas as garantías sanitarias que a situación require e coa posibilidade de ampliar o número de días de reparto no caso de que a aceptación sexa importante.

A idea nace dirixida ás persoas que están confinadas nos seus domicilios, para animalas a dedicarlle parte do día á lectura de libros,  xa que debido á variedade de canles que compoñen a oferta da pequena pantalla, dedícaselle moito máis tempo diario ao consumo de contidos de televisión.

Polo xeral, dado ao vertixinoso ritmo de vida actual, ninguén tiña tempo para ler, semellando que o atarefado das nosas vidas era un obstáculo permanente para a lectura. O tempo para ler parecía sempre tempo roubado, en cambio os libros sempre son bos compañeiros en momentos complicados.

E especialmente nos complexos tempos que estamos a vivir agora, por iso desde o Concello de Mos proponse esta alternativa para que ningún veciño/a de Mos teña excusa para non ler e dedicarlle parte do seu tempo a eses grandes compañeiros de vida e fonte de sabedoría que son os libros.