A burra extraviada atopada en Mos en xaneiro atópase xa no seu novo fogar no país veciño

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A partir de agora convivirá con máis asnos nunha das sedes da asociación malagueña El Refugio del Burrito

 

A burra extraviada, duns 18 anos de idade e de cor gris clara con manchas brancas, bautizada co nome de Flipy, que apareceu na parroquia de Guizán o mediodía do domingo día 20 de xaneiro e que pasou a estar custodiada polo Concello nas dependencias do Servizo de Emerxencias Municipal de Mos ata a data, partiu onte pola tarde cara ó seu novo fogar.

 

Delo informou hoxe a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, quen explicou tamén que para poder ter acollida a Flipy durante estes case tres meses o Concello tivo incluso que obter o Dereito de Propiedade Equina que permite ter en custodia a un máximo de cinco animais, burros ou cabalos únicamente. Ademais durante o tempo que a burra viviu en Mos estivo recibindo un tratamento médico que se lle realizaba cada tres días por un problema dermatolóxico que padecía e que lle ocasionaba feridas na pel, doenza da que xa se atopa recuperada. A maiores deste tratamento médico que lle era aplicado polo coordinador do Servizo de Emerxencias, Flipy recibiu tamén un seguemento periódico por parte dun veterinario mosense.

 

Este veterinario foi quen, unha vez recuperada totalmente a burra, emitiu o certificado sanitario internacional e o certificado veterinario oficial que permitiron que o animal viaxase onte cara á sede que a asociación protectora de asnos, El Refugio del Burrito, ten na localidade portuguesa de Miranda do Douro; xa que a central desta asociación atópase en Málaga.

 

Tras unha longa lista de interesados na adopción de Flipy, un total de 31 -30 particulares e a mencionada asociación-, dende o departamento municipal de Medio Ambiente decidiuse darlla en adopción a El Refugio del Burrito “por tratarse dunha asociación protectora da especie coa que quedaba asegurado que recibirá os mellores e máis apropiados cuidados e que convivirá en liberdade na compaña de máis individuos da súa especie”, explicaba esta mañá Loureiro.

 

Tras a declaración de cambio de propiedade equina de Flipy do Concello de Mos a El Refugio del Burrito, e realizada xa a viaxe de traslado ó seu novo fogar, a burriña mosense pasta hoxe xa ó aire libre no municipio de Miranda do Douro.