A  busca dá os seus froitos e 43 matrimonios celebrarán o domingo en Costoias as asúas Vodas de Ouro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

  • A Festa da Terceira Idade chega este ano á súa XXIX edición
  • O Concello tivo que localizar ás parellas mosenses homenaxeadas a través dun bando debido á nova lei de Protección de Datos

 

Unha das celebracións máis emblemáticas do Concello de Mos, a Festa dos Maiores, chega este ano á súa vixésimo novena edición que se celebrará o domingo 25 de agosto. Este ano son 43 as parellas mosenses que en 2019 cumpren 50 anos de casadas, é dicir, que contraeron matrimonio en 1969 e este ano celebran as súas Vodas de Ouro. Destes 43 matrimonios 4 son da parroquia de Louredo, 1 de Dornelas, 3 de Tameiga, 5 de Petelos, 2 de Pereiras, 3 de Guizán, 4 de Torroso, 10 de Mos (a parroquia máis numerosa en parellas homenaxeadas), 4 de Sanguiñeda e 7 de Cela.

Para poder organizar a Festa da 3ª Idade, dirixida aos maiores de Mos, que se celebra en Costoias, parroquia de Tameiga, nesta ocasión o Concello tivo que buscar ás parellas de Mos casadas en 1969 mediante a publicación da noticia en prensa e redes sociais, así como dun bando.  Ata o de agora dende a administración local solicitábanselles estes datos aos distintos curas párrocos e ao Xulgado de Paz de Mos para poder localizar aos homenaxeados. Sen embargo agora, coa entrada en vigor da nova Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais, houbo que cambiar este procedemento.

Pese a todo, a busca deu os seus froitos e 43 matrimonios mosenses celebrarán o vindeiro domingo en Costoias as súas Vodas de Ouro, tal e como hoxe informaron o tenente alcalde mosense, Camilo Augusto, e a concelleira de Participación Cidadá, Begoña Toucedo.

Programa da celebración

Como sempre a festa contará cunha Misa Cantada previa na Capela da Virxe da Pena de Francia. Ademais da asistencia dos matrimonios homenaxeados que cumpren as súas vodas de ouro ou 50 anos de casados, espérase contar, como ven sendo tradición, coa compaña dos seus familiares e amigos.

A emblemática festa goza cada ano dun éxito rotundo. Está concebida dende a administración local como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade; así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.

Os obxectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.

O festexo iníciase ás 12.00 horas da mañá cunha Misa Cantada pola Coral Ventos do Val (seguida de procesión) na Capela da Virxe de Pena de Francia. Ás 13.00 horas chegará o concerto da Banda de Música Xuvenil de Torroso e, a continuación, os matrimonios homenaxeados son convidados polo Concello ó xantar, que é ás 14.00 horas en Costoias.

Coa sobremesa, ás 16.00 horas, chega a entrega de agasallos ós homenaxeados e ás 16.30 horas comezará a animación musical.