A carpa Xplora Xuventude permanecerá instalada o martes 30 de setembro xunto ó Instituto de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

En horario de 10:00 horas a 14:00 horas os mozos e mozas mosenses poderán informarse de todo tipo de iniciativas orientadas ás súas idades e expoñer en grupo as súas propostas ou traballos

 

A concelleira de Educación e Participación Cidadá responsable da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), Kely Monzón, anunciou hoxe a presencia a próxima semana en Mos da carpa informativa Xplora Xuventude.

 

A carpa informativa Xplora Xuventude estará instalada o vindeiro martes, día 30 de setembro, no Instituto de Educación Secundaria de Mos, sito nas Pozas, parroquia de Petelos, en horario de 10:00 horas a 14:00 horas.

 

Esta carpa constitúe unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado destinada a informar á mocidade mosense. A carpa móbil Xplora percorrerá un total de 40 concellos galegos, entre os que se atopa o de Mos; e forma parte dunha campaña informativa promovida pola administración autonómica que pretende achegar a pé de rúa ós mozos e mozas mosenses os distintos programas e recursos destinados á poboación máis nova do municipio.

 

Deste xeito, técnicos especializados da Rede Galega de Dinamización Xuvenil, achegaranlles ós xoves estudiantes do Instituto de Mos, contidos de interese para a súa franxa de idade, tales coma programas de Iniciativa Xove e Xuventude en Acción, voluntariado xuvenil e ambiental, axudas para a obtención do carné de conducir, programas de mobilidade xuvenil, o servizo Quérote+, ou información sobre o Carné Xove, entre outros moitos contidos.

 

Na carpa haberá tamén un espazo habilitado para que grupos de mozos e mozas, e/ou empresas xuvenís, poidan ter un escaparate gratuíto no que presentar e dar a coñecer as súas actividades, propostas, ou productos.

 

Todos os interesados en coñecer máis detalladamente en qué consistirá esta carpa que estará instalada o luns no IES de Mos poden consultar a páxina web www.xuventude.net.