A cativa de 12 anos Bereket Luna, gañadora do sorteo con motivo do Día Internacional do Libro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Na iniciativa participaron un total de 180 persoas mosenses de tódalas idades

 

Do 21 ó 28 de abril as concellerías de Cultura e Educación e Participación Cidadá que dirixen as edís Sara Cebreiro e Kely Monzón respectivamente, organizaron e celebraron diversas actividades conmemorativas do Día Internacional do Libro que tivo lugar o pasado mércores 23 de abril.

 

Entre ditas iniciativas atopábase o sorteo dun lote de libros entre todas aquelas persoas que solicitasen o préstamo de exemplares na Biblioteca Municipal de Mos, sita na Porteliña –parroquia de Petelos-, dende o luns 21 de abril ata o venres 25 de abril.

 

Tras a celebración fai uns días do sorteo ante o Secretario municipal, esta mañá se lle entregou o premio á gañadora do mesmo, a nena Bereket Luna García, de 12 anos de idade, que acudía ás 10.00 horas á Biblioteca Municipal acompañada da súa nai para recibir de mans da concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, o lote de libros especificamente escollidos para súa idade e gustos, xa que se trata dunha usuaria habitual da Biblioteca e a técnico responsable da mesma xa coñece que autores son os máis demandados pola cativa.

 

Esta iniciativa do sorteo de exemplares con motivo do Día Internacional do Libro resultou ser un éxito de participación chegando a rexistrarse un total de 180 persoas que optaron ó premio e entre as que a agraciada resultou ser Bereket Luna.

 

Espertar o pracer pola lectura e o uso da Biblioteca entre os e as mosenses foi o fin principal deste sorteo. Cebreiro, concelleira responsable desta iniciativa, declarou sobre a mesma que “o obxectivo principal é o fomento da lectura entre as persoas de tódalas idades, así como tamén inculcar nos máis cativos a convicción de que os libros poden ser unha fonte de diversión, imaxinación e sabedoría; finalidade esta última que creo que estamos a lograr, ó resultar ser unha nena de 12 anos a gañadora do sorteo de libros”; ademais a edil animou ós máis pequenos a que “como Bereket, se fagan usuarios habituais da Biblioteca Municipal”.