A Corporación Municipal mosense acorda estudiar as alegacións ó PXOM recibidas durante o próximo mes

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os tres grupos políticos da Corporación decidiron en consenso que se estudiarán as instancias presentadas ata o vindeiro 9 de febreiro

 

Dende o Concello de Mos infórmase de que, durante unha reunión da mesa de traballo do PXOM mosense integrada polo equipo redactor, a alcaldesa, a concelleira de Urbanismo e os voceiros dos tres grupos políticos integrantes da Corporación Municipal, concretouse o acordo iniciado no derradeiro Pleno celebrado o pasado 29 de decembro de 2012. Dito acordo, respaldado e consensuado polos tres grupos da Corporación, consiste en estudiar, -sempre dentro da legalidade-, as alegacións que os veciños e veciñas interesados poidan presentar no mes seguinte á finalización do prazo outorgado a tal efecto, que rematou o pasado mércores, día 9 de xaneiro.

 

O Concello mosense decidiu tomar esta determinación á vista da preocupación veciñal ante o que consideraban o escaso prazo que dá a lei para a formulación de alegacións. É por iso que os grupos políticos da Corporación acordaron recoller e estudiar as alegacións presentadas durante un mes máis tras a finalización do prazo marcado inicialmente.

 

Neste sentido, e respectando sempre a normativa pertinente, a Corporación Municipal pretende evitar que ningún veciño de Mos con interés lexítimo da ordenación urbanística poida quedar á marxe do procedemento de aprobación do Plan Xeral. Búscase con elo, ademais, lograr a máxima participación veciñal posible para que o PXOM mosense se convirta nun instrumento urbanístico de todos e para todos.

 

Normalidade

 

A cifra de alegacións presentadas ata a data ante a administración local respecto do Plan Xeral atópase dentro dos parámetros habituais nestes procesos. Segundo datos proporcionados polo equipo técnico municipal encargado do PXOM, a maior parte destas alegacións recollen pretensións particulares respecto ás propiedades dos mosenses, aínda cando existen tamén alegacións conxuntas.

 

A tódalas alegacións recibidas daráselles traslado con carácter inmediato ó equipo redactor do Plan Xeral para que proceda ó exame das solicitudes formuladas nas mesmas, que serán imprescindibles para configurar definitivamente o PXOM de Mos.