A Corporación Municipal mosense únese ante o problema de seguridade viaria en Amieirolongo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa propuxo levar unha moción conxunta dos catro grupos ao pasado Pleno, onde resultou aprobada por unanimidade

 

A Corporación de Mos uniuse para presentar en Pleno unha moción conxunta sobre a seguridade viaria en Amieirolongo a proposta da alcaldesa. A moción levouse á última sesión plenaria ordinaria celebrada o pasado 25 de novembro.

 

A través de dita moción, que foi aprobada por unanimidade co voto favorable de tódolos/as corporativos/as municipais, ínstase ao Ministerio de Fomento a buscar as solucións pertinentes coa finalidade de subsanar e previr os problemas de seguridade viaria ó cruzar a estrada Nacional 550, necesarias para a zona de Amieirolongo, parroquia de Sanguiñeda, que presenta deficiencias sobre todo no que respecta ao tránsito seguro dos peóns por este barrio mosense. E a acometer a pasarela comprometida polo Ministerio, que daría unha seguridade tanto a veciños como usuarios do Camiño de Santiago, que utilizan a diario dito percorrido.

 

A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, insisten na “imperiosa necesidade de que, dunha vez por todas, se acometa a obra para a construción da pasarela peonil en Amieirolongo, un proxecto que comezou a camiñar no ano 2014 e aínda non se viu materializado. Esta pasarela é de vital importancia, pois pola zona transitan a pé a diario numerosos viandantes, moitos deles veciños e veciñas, pero tamén numerosos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago Portugués”.

 

Os representantes municipais anuncian así mesmo que “dende o Concello non poñemos límites a esta reivindicación e chegaremos a onde faga falta, estamos dispostos a organizar mobilizacións incluso, se fose necesario”, declararon Arévalo e Augusto.

 

Ademais informaron de que Concello de Mos está a traballar na mellora integral do Camiño de Santiago Portugués ao seu paso pola localidade, que implicará nova sinalización e paneis informativos, unha pasarela peonil e un estudio de replantexamento dun tramo perigoso para os viandantes.

 

A nova sinalización con sinais direccionais orientativos e os paneis informativos potenciarán sobre todo a zona do Pazo de Mos, cun modelo que inclúa datos moi completos mediante os que os camiñantes, nada máis saír do Concello de Porriño e entrar no termo municipal mosense, poidan ter información sobre cantos quilómetros lles quedan ata o Pazo de Mos, Santiaguiño… ata os servizos de albergue de peregrinos, tendas, bares, restaurantes e cafeterías que terán dispoñibles durante o camiño o seu paso por Mos, así como con outros elementos patrimoniais como as Igrexas, Capelas, muíños,… Esta sinalización  estará rexida en todo momento pola normativa establecida polo Xacobeo.

 

Unha reclamación histórica

 

A pasarela peonil que cruzará o nó de Amieirolongo en Sanguiñeda, e que enlazará o punto quilométrico 306 da A-52 coa Nacional 550, zona onde se atopan situadas varias superficies comerciais, foi comprometida fai anos polo Ministerio de Fomento, previndo un orzamento de 130.000 euros, contando xa co proxecto aprobado, permiso de Patrimonio e coa cesión dos terreos por parte do Concello de Mos.

 

Con esta pasarela evitaríase que os peregrinos (así coma calquera outro viandante e/ou veciño) teñan que cruzar a estrada Nacional 550 no perigoso cruce de Amieirolongo.

 

Trátase tamén dunha zona, a de Amieirolongo, con moito tráfico rodado debido a que nela conflúen varias entradas e saídas da autovía, o que incrementa a perigosidade para os camiñantes, tendo en conta ademais que, a día de hoxe non existe habilitado ningún paso de peóns nin sinalización específica que optimice a seguridade dos mesmos.

 

No informe técnico remitido á Fomento abórdase a situación en materia de seguridade viaria dos itinerarios peonís situados no punto quilométrico 155+500 da estrada Nacional 550. En dito punto quilométrico o Ministerio de Fomento procedeu  á construción dunha rotonda que regula o tráfico de vehículos que acceden dende a autovía A-52 á estrada N-550 e que dificulta o tránsito de peóns ao presentar a zona insuficiencia de infraestruturas peonís no lugar e contorno próximo, tales coma tramos continuos e conectados entre si de beirarrúas. Ademais, os tramos de beirarrúas que dende As Angustias e dende Amieirolongo discorren por ambas marxes da N-550 son desconexos ou descontinuos unha vez que chegan á mencionada rotonda e ás conexións da estrada N-550 coa autovía A-52, de maneira que non se garante o percorrido peonil, rematando na maioría dos casos en situacións de volta atrás ou de atravesamento moi perigoso a pé das saídas e entradas á autovía A-52.

 

Así como o cruce do Camiño de Santiago no dito punto e ademais do trazado do Camiño que ven polo camiño da Quiringosta e se ven na obriga de cruzar dita nacional, existindo un risco importante para os viandantes.