A desescalada do Concello de Mos marcha a bo ritmo atopándose na fase de formación ao persoal de oficinas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A semana que ven comezará a instalación de medidas de seguridade sanitaria nas dependencias municipais

A desescalada para o regreso a oficinas e reapertura de portas da administración local mosense marcha a bo ritmo e, tras a formación específica recibida a semana pasada polas 11 limpadoras que se encargan da limpeza e desinfección diarias das dependencias municipais, esta semana desde o departamento de Persoal atópanse formando ao persoal de oficinas por departamentos para a súa reincorporación progresiva e a turnos (para garantir a distancia interpersoal mínima de 2 metros) de cara ao vindeiro 11 de maio.

A Técnico de Persoal, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais do Concello de Mos comezou onte coa formación presencial dos departamentos de Rexistro Xeral, Secretaría, Tesourería e Urbanismo, e hoxe fíxoo cos traballadores/as municipais da Axencia de Colocación, Política Social e Intervención.

A formación inclúe directrices para a reincorporación in situ ao traballo coas novas indicacións de prevención de riscos laborais relativas á crise sanitaria do COVID-19 e que cada un dos/as traballadores/as poida acceder ao seu posto e desenvolver o seu labor diario con seguridade.

Deste xeito o persoal municipal recibe indicacións e pautas sobre cal é o sistema de entrada e saída do centro de traballo con seguridade, como funciona e como desenvolver o sistema de atención ao público con cita previa, como proceder cando sexa necesaria a celebración de reunións en persoa… etc.

Ademais durante esta semana tamén se estivo recepcionando por parte do departamento municipal de Persoal diferente material en materia de prevención de riscos laborais específico para o COVID-19: geles hidroalcohólicos, Equipos de Protección Individual (mascarillas, luvas, pantallas… etc.), material sanitario, pantallas de protección para mostradores, ventanillas, despachos… etc., alfombras desinfectantes… Todo este material é minuciosamente revisado e supervisado pola Técnico para comprobar que está en perfectas condicións e cumple os estándares de homologación e certificación.

Unha vez supervisado o material, a semana que ven comezarase a instalación das medidas de seguridade e de todo o material recepcionado esta semana, incluíndo cambios nas instalacións municipais como a instalación dun arco de temperatura na entrada para garantir que sexa inferior a 37 graos centígrados, de grifos con sensor nos baños, colocación de dispensadores automáticos de hidrogel alcohólico desinfectante para mans, nos baños, e nas entradas dos edificios, mamparas protectoras nos mostradores, mesas e ventanillas de atención ao público, alfombras desinfectantes para as entradas de todas as instalacións municipais e con carácter xeral distribuirase solución hidroalcohólica, mascarillas, e luvas para todo o persoal.