A Festa da Rosa incorpora por primeira vez este ano unha carreira nocturna dentro da súa programación deportiva

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Terá lugar o sábado 24 de xuño e o prazo de inscrición xa se topa aberto a través da web do Concello de Mos

Esta mañá celebrouse no Concello de Mos a presentación da I Carreira Popular Nocturna Festa da Rosa, na que estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Alberto Méndez, tenente alcalde e concelleiro de Deportes, Kely Monzón, concelleira de Participación Cidadá, Manuel Castro Álvarez, presidente de AEMOS, e David Gil, representante da empresa Xesport Galicia.
O sábado día 24 de xuño de 2017 o Concello de MOS organiza a I Carreira Nocturna da Festa da Rosa, que irá acompañada dunha andaina (polo mesmo percorrido que a carreira) e de probas de menor distancia para as categorías inferiores.
Na carreira principal de 8 km poderán participar todas as persoas que o desexen, sen distinción de sexo ou nacionalidade coa única condición de que naceran no ano 2002 ou anteriores.
A carreira popular terá unha distancia de aproximadamente 8.000 metros (2 voltas ao circuíto grande) nas categorías Senior e Veteranos (tanto masculina como feminina), e tamén para os participantes en categoría Junior (a partir dos 15 anos). Para a andaina, os participantes darán una volta ó circuito grande cunha distancia aproximada de 4 km.
Para o resto de categorías (masculina e feminina) as distancias son as seguintes:
Chupete nados 2013-2014: 100m (recta de meta)
Pre benxamín nados 2011-2012: 400m (volta pequena)
Benxamín nados 2008-2010: 900m (volta mediana)
Alevín nados 2005-2007: 1800m (2 voltas medianas)
Infantil nados 2003-2004: 2700m (3 voltas medianas)
Na andaina poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, e no caso de ser menores, deberano facer acompañados dun adulto acreditado.
As probas terán saída e chegada na explanada do Pavillón Municipal Oscar Pereiro de Mos, e discorrerán polos barrios próximos a esa ubicación para completar dúas voltas ó mesmo percorrido, pasando en tres ocasións (contando co pase da chegada) pola liña de meta.
O tempo máximo para a realización da carreira absoluta será de 1 hora 15 minutos.
A saída da carreira absoluta será́ conxunta (homes e mulleres) comezando ás 21:30 hrs do sábado 24 de Xuño de 2017 desde o Pavillón Municipal Oscar Pereiro de Mos.
A andaina dará comezo ás 21:15 hrs polo mesmo percorrido que a carreira absoluta.
As probas de categorías inferiores empezarán:
 Chupete_________________ 20:00 hrs
 Pre benxamín ___________ 20:10 hrs
 Benxamín_______________20:20 hrs
 Alevín__________________20:30 hrs
 Infantil________________20:45 hrs
As inscripcións efectuaranse na páxina do Concello de Mos, a través dunha plataforma online. O prazo de inscrición atópase xa aberto e péchase ás 00:00 hrs do día 20 de xuño.
O prezo da inscrición para a carreira absoluta é de 10 euros, para a andaina é de 5 euros, e nas categorías de menores, para os rapaces e rapazas do Concello de Mos é gratuíta; e para os rapaces e rapazas doutros concellos 5 euros.
A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, declarou hoxe a súa gratitude cara a AEMOS, e destacou a importancia de poder colaborar coa Asociación de Empresarios en tódolos ámbitos, incluíndo o deportivo abordado esta mañá. Así mesmo Arévalo felicitou aos edís de Deportes e Participación Cidadá por ter a idea de organizar esta iniciativa que actualmente está tan de moda. A alcaldesa considera que esta vai a ser a primeira de moitas edicións desta carreira á que lle augura un exitoso e prometedor futuro.
Dende AEMOS, o seu presidente, Manuel Castro, agredeceulle á administración local que contaran con eles para participar na carreira, e manifestou a disposición dos empresarios mosenses para colaborar en todo tipo de iniciativas na medida das súas posiblilidades, e sobre todo en eventos coma este organizados con motivo da principal festividade local, a Festa da Rosa.
A concelleira Monzón expresou, pola súa banda, o desexo de que participen na iniciativa todos os nenos e nenas de tódolos colexios de Mos e que, así mesmo, se implique tamén a xuventude mosense.
Con esta carreira dáselle a posibilidade de participar a tódolos colectivos, dende os corredores habituais ata aquelas persoas que non poidan correr e que terán a posibilidade de facer a andaina.
A proba absoluta contará con servizo de avituallamento no kilómetro 4 da carreira e tamén haberá para tódolos participantes servizos de garda roupa e duchas.