A homenaxe á ciclista Susana Alonso na saída da “Challenge Rías Baixas”, primeiro acto conmemorativo do Día da Muller en Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A Mesa de La Vuelta decidiu homenaxeala nomeándoa madriña da proba que saiu esta tarde desde o Pazo de Mos e agasallándoa co primeiro maillot oficial mosense da saída de La Vuelta Ciclista a España

Hoxe abríronse os actos do Día Internacional da Muller en Mos, que se celebra o vindeiro 8 de marzo, cunha homenaxe a unha muller de gran relevancia do mundo do deporte mosense: a ciclista Susana Alonso Carballo. O acto celebrouse previamente á saída da IV “Challenge Rías Baixas” desde o Pazo de Mos e estiveron presentes a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Camilo Augusto, a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, a edil de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, membros da Mesa de La Vuelta do Concello de Mos e o presidente da Fundación Pazo de Mos, Antonio Rial.

 

A Mesa de La Vuelta do Concello de Mos, na última sesión celebrada o pasado 21 de febreiro na Asociación de Veciños Celado de Cela, acordou que Susana Alonso fora a madriña da “Challenge Rías Baixas”, polo que foi a que cortou a cita da saída da proba.

 

Durante a homenaxe Alonso recibiu o maillot oficial da saída de LA VUELTA 20 desde Mos, sendo á primeira persoa á que o Concello lle entrega este agasallo institucional, presentado onte no IES de Mos. Neste caso concreto o maillot leva tamén rotulado na parte traseira do mesmo o nome de Susana Alonso.

 

A rexedora local, Nidia Arévalo, e a edil mosense de Deportes, Begoña Toucedo, eloxiaron “a capacidade de superación de Susana, Medalla ao Mérito Deportivo do Concello de Mos 2017, unha deportista incansable que nunca deixa de sorprendernos e que é unha honra ter entre a veciñanza do Concello de Mos”. “Susana Alonso é un verdadeiro exemplo en valores deportivos e vitais para a mocidade mosense e un orgullo en xeral para a poboación do municipio, que pode presumir de ter unha veciña tres veces campioa de España no BTT de competición, gañadora de 2 Open de España e que fixo podio varias veces nos World Maraton Series”, salientaron Arévalo e Toucedo.  O esforzo da ciclista mosense é dobremente meritorio ao compaxinar o deporte de alta competición coa súa vida profesional. Ademais Susana Alonso forma parte da Selección de Galicia.

 

Deste xeito Alonso Carballo amadrinou a cuarta edición da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo que organiza o club “Master da Louriña” co apoio das Concellerías de Deportes do Concello de Mos, O Porriño e Ponteareas. A Challenge consta de tres etapas que se disputarán entre hoxe sábado 29 de febreiro e mañá domingo 1 de marzo.

 

A primeira etapa foi unha contrareloxo individual de 8 quilómetros no parque de Avisoureira, en Guláns (Ponteareas). A segunda etapa é unha etapa en liña de 81 quilómetros, ó longo do concello de Mos, con saída ás 17:00 h e chegada as 19:30 h (Pazo de Mos).

 

E a terceira e última etapa da Challenge, no Porriño, consiste noutra etapa en liña, de preto de 78 quilómetros. A “Challenge Rías Baixas 2020” contou con 192 participantes. Reservada para corredores Master 30, Master 40, Master 50 e Master 60, así como para Féminas Master. Tamén hai unha categoría junior para a que se reservaron 30 prazas.