A industria cultural mosense recibe o asesoramento e apoio da Xunta de Galicia

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, reuniúronse esta mañá coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e autónomos e empresas do municipio que traballan neste sector

O Director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, da consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, reuniúronse esta mañá por videoconferencia coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, coa concelleira mosense de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, coa edil de Educación e Emprego, Julia Loureiro, e con empresas e autónomos mosenses que se dedican ao sector da cultura.

O obxectivo desta xuntanza telemática foi que estas empresas e autónomos mosenses pertencentes a un dos sectores económicos que está a resultar máis damnificado pola crise do COVID-19, puidesen consultarlles dúbidas ao Director e Secretario Xerais e que estes, á súa vez, lles presentasen as iniciativas, medidas e axudas que desde a administración autonómica teñen en marcha para apoiar a este sector, que tanto esta a sufrir as consecuencias desta crise sanitaria.

Os particulares e colectivos presentes na reunión foron a cantante Uxía Senlle representando tamén a Malvela e María Fumaça, Reviravolta produccións incluíndo ás Maimiñas como grupo musical infantil e á escola de música MaiSon, a Escola de Música de Torroso, o gaiteiro Xulio Lorenzo, Micaela de M3, o cantante Antonio Barros, a cantante Ialma, Isaac Palacín da productora audiovisual Fermento, e Isaac González de márketing dixital e producción, entre outros asistentes membros do sector da industria cultural.