A intersección entre Os Cabaleiros e A Rúa embelécese cun proxecto de axardinamento

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Está a acometelo o Obradoiro Mos Rehabilita II e estará rematado a principios da vindeira semana

Os alumnos-traballadores da especialidade de xardinería do Obradoiro de Emprego Mos Rehabilita II iniciaron esta semana os traballos de axardinamento da intersección entre A Rúa e Os Cabaleiros, na parroquia de Mos. Labores que se prevé estean rematados a comezos da semana que vén.
A actuación que se está a acometer trátase dun proxecto consistente nunha superficie en dúas alturas formada por dous triángulos invertidos con peche de pedra granítica e exemplares de arbustos, rosais (dado que a rosa é símbolo do municipio mosense) e base de canto rodado branco. O xardín está rematado por unha árbore de madroño. A xardineira máis baixa está pensada para descanso dos peregrinos, xa que se atopa en pleno Camiño de Santiago.
O Obradoiro de Emprego Mos Rehabilita II, que leva a cabo este proxecto de axardinamento que en poucos días estará finalizado, continuará en activo ata o vindeiro 10 de agosto.
O Obradoiro Municipal de Emprego Mos Rehabilita II conta coas especialidades de albanelería e forestal/xardinería. O grupo de albanelería está integrado por 5 mulleres e 5 homes e o grupo forestal (que é o que está a realizar estes traballos) por 4 mulleres e 5 homes. En total participan no Obradoiro 19 alumnos-traballadores.