A locomotora ‘María Fumaça’ chega a Mos cargada de melodías que aportan optimismo á discapacidade na infancia

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O proxecto conta con artistas como Uxía e Carlos Blanco, que constrúen a historia de Rui, un neno mosense

A concelleira de Cultura e Benestar Social mosense, Sara Cebreiro, informou hoxe de que o vindeiro domingo, día 2 de decembro, celebrarase no centro Multiusos das Pozas, en Petelos, o concerto para público infantil ‘María Fumaça’ que dará comenzo ás 18.00 horas da tarde.

Trátase dun proxecto editorial emprendido por Galaxia consistente nun libro-disco repleto de cancións que constrúen a historia de Rui, un neno mosense alumno do CEIP Mestre Martínez Alonso, o Colexio de Castro-Mos, que padece unha discapacidade.

‘María Fumaça’ é un proxecto musical de celebración da vida na que ducias de artistas cantan a ledicia de vivir. Entre os moitos artistas participantes nesta iniciativa atópanse a tamén mosense Uxía Senlle e o actor Carlos Blanco.

A colorida locomotora de vapor, ‘María Fumaça’, percorre a paisaxe con todos estes artistas a bordo, que mentres viaxan cantan e tocan xuntos ó ritmo de muiñeiras, sambas, rock ou forró coa intención de facerlle un agasallo a Rui, quen, á súa vez, interpretará tamén como solista sinfonías vocais que lembran ó son máxico do canto das baleas. Todos os pasaxeiros desexan durante a viaxe que esta non remate nunca e que os leve a mil novos horizontes e aventuras.

Cebreiro explicou que o motivo da elección deste espectáculo a representar o vindeiro domingo no Multiusos, é que o día 3 de decembro, luns, celébrase o Día Internacional da Discapacidade “e é por elo que queremos difundir a idea de que a discapacidade pode ser vivida con normalidade e optimismo, tal e como se plasma no concerto ‘María Fumaça’”, declarou a edil de Benestar Social.