A Ludoteca de San Rafael acollerá o Obradoiro Infantil de Nadal

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Dirixido a nenos de 3 a 12 anos, celebrarase en horario de mañá dende o día 24 de decembro ata o 7 de xaneiro

 

A concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, informa de que onte abriu o prazo de inscrición para o Obradoiro de Nadal dirixido ós nenos e nenas empadroados en Mos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Dito obradoiro celebrarase dende o 24 de decembro ó 7 de xaneiro de 09.00 horas a 13.00 horas (de luns a venres) na Ludoteca de San Rafael, parroquia de Pereiras.

 

O prazo de inscrición rematará o vindeiro 17 de decembro. E os pais interesados en que os seus fillos participen neste obradoiro deberán cumprimentar a solicitude que poden obter nos departamentos municipais de Participación Cidadá e Rexisto antes da data tope. O prezo por participante é de 50 euros.

 

Monzón explicou respecto deste obradoiro que “no período de vacacións dos máis pequenos orixínase a necesidade de conciliar a vida laboral coa vida familiar ademais de dar un servizo de ludoteca, por isto ofrecemos un Obradoiro de Nadal, cunha oferta variada de actividades lúdicas, deportivas, xogos e talleres, co fin de achegarlles aos escolares do Concello de Mos unha alternativa de ocio e tempo libre mentres os seus pais e nais traballan”. “Ademais, con esta iniciativa preténdense favorecer as relacións interpersoais entre os nenos e nenas dos diferentes colexios de Mos, dinamizar o tempo libre dos escolares con actividades educativas, continuar ca tradición que envolve esta festa e aportar unha localización da que non poden dispoñer no resto do ano”, declarou tamén a edil.

 

O obradoiro realizarase en horario de mañá e nel desenvolveranse distintas actividades como xogos de presentación e coñecemento, taller de manualidades, saída a unha pista de xeo, xogo de pistas, reciclaxe, celebración da Noite Boa, cociña, danza, Gala de Nadal e campanadas, decoración de Nadal, xogo de Nadal, animación á lectura e contacontos, e Gala de Despedida.

 

A Gala de Despedida consistirá en que o 7 de xaneiro celebrarase unha festa para os participantes e para os pais e nais destes; que contará con decoración propia, actuacións, baile, etc. Todo preparado polos rapaces e rapazas participantes, coa axuda dos monitores, durante o obradoiro dos días anteriores.