A nova Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos xa ten presidente

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Unha vez nomeada o resto da directiva, reunirase con representantes municipais para coordinar o servizo en colaboración co Concello

Dende o Concello de Mos informouse hoxe de que xa está creada a nova Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos. A formación desta Agrupación iniciouse coa acta fundacional que fundamenta a constitución da nova entidade, e cunha Asamblea de Antigos Voluntarios, ex membros de Protección Civil de Mos, na que se tratou a posta en marcha novamente deste servizo na localidade mosense e se elixiu ó presidente da Agrupación.

O presidente electo en dita Asamblea, segundo declarou esta mañá a edil Julia Loureiro, resultou ser Santiago Iglesias Fernández, quen, á súa vez, é agora o encargado de formar unha xunta directiva de Protección Civil de Mos integrada por el mesmo como presidente e por tres membros máis: un secretario e dous vocais.

Tal e como explicou a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, unha vez nomeados o secretario e os vocais da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, celebrarase no Concello unha reunión entre os catro membros da xunta directiva, a rexedora local mosense, e a concelleira delegada de Protección Civil, Julia Loureiro, para iniciar oficialmente a nova andadura da Agrupación en Mos e coordinarse coa administración local para poñer novamente en marcha todas aquelas actividades que, antes da súa disolución, viña desenvolvendo a Protección Civil mosense.

Tras este encontro de presentación oficial e de coordinación co Concello, no que se deseñará e se estructurará o protocolo de funcionamento da nova Agrupación e o modus operandi da colaboración con outros servizos municipais como son a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil iniciará unha campaña de captación de voluntarios; xa que na Agrupación terán cabida os antigos voluntarios da mesma que así o desexen, así coma tamén se captarán novos voluntarios para lograr o mellor funcionamento posible.

Unha vez posta en marcha, esta Agrupación serviralle de unha inestimable axuda ó Servizo Municipal de Emerxencias na atención de aquelas urxencias que se poidan dar dentro do termo municipal. Ademais, esta Agrupación, estructurarase adecuadamente impartíndolle ós novos voluntarios cursos de formación para que poidan desempeñar óptimamente as súas funcións.