A OMIX de Mos informa de dous roteiros pola montaña e un curso de conducción segura

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As tres actividades teñen desconto no seu prezo para os posuidores de Carné Xove

 

A Oficina de Información Xuvenil, OMIX, de Mos, dependente da concellería mosense de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón, informa de dous roteiros pola montaña que contan con desconto para a mocidade que posúa Carné Xove, e dun curso de conducción segura que ten tamén desconto no seu prezo ó presentar o Carné Xove.

 

Ambos roteiros pola montaña atópanse incluídos no programa ‘Roteiros aventúrate na montaña’ e un transcorre polo Xurés e o outro pola Enciña Lastra, en Ourense.

 

O roteiro ‘O Xurés dende outra mirada’ incluirá o aloxamento no Complexo Turístico Deportivo de O Corgo (Muíños – Ourense) e celebrarase en tres quendas: do 24 ó 26 maio, do 21 ó 23 de xuño e do 6 ó 8 de setembro.

 

A actividade, dunha fin de semana de duración, consistirá en descubrir o corazón do Xurés dende unha mirada imposible de repetir, achegándose ao corazón da reserva natural onde o paso está restrinxido, para coñecer de primeira man cales son os tesouros que garda o parque natural. Os participantes poderán gozar de recunchos non accesibles para o público xeral e da versión máis lúdica que oferta o parque natural coas actividades náuticas.

 

O prezo desta actividade por participante sen Carné Xove é 91 euros e con Carné Xove de 82 euros.

 

O roteiro ‘Aventúrate na Enciña Lastra’ desenvolverase no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, que está situado na zona nordés da provincia de Ourense, no concello de Rubiá, comarca de Valdeorras, e foi declarado Parque Natural no ano 2002. O aloxamento dos participantes será no Refuxio de Covas. As tres quendas de participación son do17 ó 19 de maio, do 28 ó 30 de xuño e do 30 de agsto ó 1 de setembro.

 

Durante a fin de semana, os mozos e mozas mergullaranse nas actividades de aventura en pleno corazón do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, recibindo así unha iniciación a kaiak, espeleoloxía, e xeocaching e realizando deportes extremos coma o puenting.

 

Os prezos da actividade por participante son 94 euros sen Carné Xove e 85 euros con Carné Xove.

 

Para máis información sobre calquera dos dous roteiros os interesados poden escribir ó enderezo de correo electrónico info@sustinea.org, ou chamar ó teléfono Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo 668 874 900.

 

Conducción segura

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, un ano máis, pon en marcha cursos Conduce Ti: cursos de formación en condución segura co obxectivo de achegar á mocidade actitudes seguras no uso do vehículo baseada no coñecemento dos factores de risco, dos sistemas de seguridade do automóbil e da técnica de condución.

 

Os destinatarios destes cursos son os mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que saiban conducir, aínda que non é preciso que sexan titulares de permiso, xa que, a escola dispón de homologación da DGT.

 

Os cursos impartiranse nas instalacións da Escola Galega de Condutores San Martín en Curtis (A Coruña) e desenvolveranse nas seguintes fins de semana: 20 e 21 de abril, 27 e 28 de abril, 11 e 12 de maio, 1 e 2 de xuño, e 8 e 9 de xuño. O número de prazas dispoñibles será un máximo de 15 por día.

 

As persoas interesadas neste programa xa poden facer a reserva da praza na web www.xuventude.xunta.es, a través do correo electrónico xuventude@xunta.es, ou chamando ós teléfonos Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo 981 554 854, 981 541 688 e 981 544 645.