A OMIX de Mos informa sobre campamentos e un roteiro pola Illa de San Simón

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Ambas actividades contan con desconto para os posuidores de Carné Xove e están organizadas pola Xunta

A OMIX, Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Mos, dependente da concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón, informa da posibilidade de participar, con desconto para os posuidores de Carné Xove, no Campamento Equal en no Roteiro pola Illa de San Simón que organiza a Xunta de Galicia.

Para participar nos Campamentos Equal o prazo de inscrición atópase xa aberto e os interesados en apuntarse poden facelo chamando por teléfono ó número 988 206 353 ou mandando un e-mail ó enderezo de correo electrónico info@centroequal.com. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de chegada das solicitudes.

Nestes campamentos os participantes poderán realizar diversas actividades na naturaza tales coma hípica, natación, xogos cooperativos; así coma outras actividades tales como teatro, expresión, cociña, obradoiros e veladas; actividades todas estas deseñadas para crear un espazo para a diversión, a convivencia e a cooperación.

O campamento desenvolverase no Albergue Xuvenil Equal, en Coles-Ourense, nun total de catro quendas: do 12 ao 20 de xullo, do 23 ao 31 de xullo, do 03 ao 11 de agosto, e do 14 ao 22 de agosto.

O prezo por participante e quenda é de 225 euros con Carné Xove e de 300 euros sen Carné Xove. Prezo no que se atopa incluído, aloxamento e manutención en albergue xuvenil, actividades, materiais e monitores.

Respecto do Roteiro Nautilus pola Illa de San Simón, consiste nunha actividade de turismo deportivo para a xuventude, relacionado co mar, de fins de semana na Illa de San Simón, no que se levarán a cabo diferentes actividades náuticas como wakeboard ou kaiak de mar e de aire libre como orientación con gps (xeolocalización).

Esta actividade realizarase en tres quendas: do 19 ó 21 de abril, do 3 de maio ó 5 de maio, do 17 de maio ó 19 de maio e do 31 de maio ó 2 de xuño. O prezo sen Carné Xove é de 90 euros e para os posuidores do Carné Xove de 75 euros.

Os participantes poderán realizar kaiak de mar, snorkel e seadoo, sea scooter, esquí náutico: wakeboard, banana náutica, raid náutico con xeocaching e tiro con arco pola Illa de San Simón.

Para inscricións e reserva de prazas os interesados poden escribir a info@marexada.es, ou chamar por teléfono ó número 670 892307.